Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boqueixón pon en marcha no mes de setembro un programa de visitas guiadas de balde ao patrimonio relixioso

BOQUEIXÓN. Baixo o nome Boqueixón Sacro, o Concello porá en marcha no mes de setembro un novo programa de visitas guiadas de balde. O proxecto ofrece un percorrido polo patrimonio relixioso e cultural do municipio. “Esta proposta vén complementar a xa posta en marcha, e que está contando con boa aceptación, de visitas guiadas de balde ao Pico Sacro, ao Centro de Interpretación e Ponte Ledesma”, indica o alcalde da localidade, Manuel Fernández Munín. O rexedor salienta que “este tipo de iniciativas buscan dar a coñecer o amplo patrimonio do noso municipio, non só entre as persoas visitantes, senón tamén entre a propia veciñanza”. A iniciativa porase en marcha a partir do un de setembro e desenvolverase ata o 31 de decembro. Os percorridos correrán a cargo dun técnico de Información Turística do Concello de Boqueixón e serán totalmente gratuítos, previa inscrición a través do 981 513 061 ou enviando un correo a boqueixonturismo@gmail.com. Para realizar as visitas, según advirten dende o goberno local, requírese un grupo mínimo de cinco persoas e establécese un máximo de dez, “co fin de garantir todas as medidas de prevención contra o covid-19”. Os asistentes deberanse desprazar no seu propio vehículo aos distintos puntos establecidos no itinerario que durará, aproximadamente, hora e media. Por certo que acaba de realizarse no Monte Sagrado un congreso público titulado A astronomía nas rutas xacobeas. Logo de dous aprazamentos, a iniciativa (promovida polo Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC co cofinaciamento da Axencia de Turismo de Galicia, Xacobeo 2021 e o Concello boqueixanés) puido celebrarse e estruturouse en dúas partes. A primeira, de carácter teórico, comprendeu unha breve explicación sobre as distintas constelacións, estrelas e planetas. A segunda centrouse en observar Xúpiter, Saturno e os satélites. A. P.

27 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito