Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Botan a andar en Carnota as audioguías de Contos do mar

Carnota, Dumbría e Fisterra aliáronse para poñer en valor a cultura mariñeira en base ás historias reais dos veciños

A aula de formación da confraría do Pindo acolleu a presentación do proxecto que desenvolve este pósito xunto cos concellos de Carnota, Dumbría e Fisterra, denominado Contos do mar, e que consistiu nun obradoiro arredor de testemuñas veciñais sobre historias de varios lugares e a elaboración de tres audioguías ficcionadas ligadas a percorridos a pé en cada
unha das tres localidades.

A iniciativa pretende poñer en valor o patrimonio inmaterial vinculado á cultura mariñeira e recuperar a memoria dos lugares a través dos recordos das persoas. Conta co apoio do GALP-4 e está financiado nun 85 por cento polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca da Unión Europea con 78.931 euros.

As audioguías foron elaboradas pola compañía Chévere e permiten facer as rutas de forma individual, en parella ou en grupo, sempre mantendo a distancia social.

O percorrido da primeira audioguía arranca na praia do Ézaro (Dumbría) e remata na fervenza; a narración foi realizada pola actriz Patricia de Lorenzo e nela intercálanse tamén voces de mulleres da zona que traballaron alí.

A segunda iníciase na Praza do Concello de Fisterra, cara á lonxa e a rúa Real, e simula un programa de radio.

A terceira protagonízaa o actor Miguel de Lira, que interpreta o papel dun mariñeiro nunha ruta polo Pindo.

As tres teñen una duración aproximada de 50 minutos e as rutas están pensadas para que as poidan realizar sen dificultade persoas de todas as idades. Hai dispoñibles medio cento de dispositivos para cada un dos tres concellos.

Están dispoñibles na confraría do Pindo, na oficina de turismo e no Centro de Interpretación do Monte Pindo de Dumbría e na oficina de turismo de Fisterra. Aínda que o citado pósito xa ten operativa esta ferramenta turística, as tres administracións locais optaron por agardar a que remate a tempada alta para contribuír a desestacionalizar a oferta. Pódense alquilar a un prezo de dous euros.

Os microvídeos nos que 30 veciños contan as historias pódense ver no canal de Youtube e na web do proxecto.

04 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.