Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O mundo rural ten cada vez máis atractivo entre os viaxeiros por contar con lugares seguros e pouco masificados // O concello brionés considérase preparado para recibir aos veraneantes e só pide que “teñamos sentidiño” TEXTO Noela Vázquez Dosil

Brión gaña puntos como destino turístico da nova normalidade

A pandemia que asolou o mundo este ano cambiou o xeito de facer vida para case todo, e o turismo non é un sector alleo a esta nova normalidade. Por sorte, Galicia conta con máis destinos merecedores dunha visita dos que unha persa podería coñecer na súa vida, que, ademáis de ficar preto, son seguros. É o caso do Concello de Brión, que agocha entre os seus case 8.000 habitantes marabillas como as Torres de Altamira, Ben de Interese Cultural dende 1994, ou a Igrexa de Bastavales, fonte de inpiración para Rosalía de Castro.

“Eu creo que o mundo rural en xeral, e Brión en particular, estamos preparados para recibir á xente” explica o alcalde do concello, José Luis García García, consciente de que “a xente busca zonas menos masificadas” e “hai menos riscos”.

Brión xa está vendo os resultados desta nova tendencia no turismo. De feito, o propio alcalde sinala que “as casas rurais están todas ocupadas”. E é que un dos atractivos da vila, ademais “dunha natureza coidada e espectacular” é a pouca masificación, “onde se pode ir a unha terraza sen que teñas que estar comendo pegado a outra persoa”.

“Aqueles aventureiros que se animen a vir de visita van estar moi ben”, asegura o alcalde, “e poderán desfrutar dunhas rutas incribles, tanto pola beira do río Sar como pola Fervenza do Pozo Negro”, unha das zonas menos coñecidas que sorprende incluso aos brioneses. García tamén convida aos turistas a coñecer “eses hoteis case familiares” do municipio, e a practicar os deportes que permite o entorno, como nadar ou montar a cabalo, todo “con seguridade” ante a nova situación derivada do covid-19 que vive o turismo.

HISTORIA Un dos atractivos que sitúa Brión no mapa son as xa nomeadas Torres de Altamira, cuxos muros foron testemuña da andaina da historia de Galicia. Dende asentamentos castrexos, sobre os que se edificou a súa estructura no século IX, até as propias Guerras Irmandiñas que puxeron o castelo en mans do campesiñado durante un decenio no século XV.

“Tivemos moi mala sorte”, explica o alcalde do concello, “porque non é que caeran as torres, é que a xente de Brión foi traendo pedra para facer construcións”. Malia todo, coa colaboración entre o concello e a Deputación Provincial “hai dous anos que estamos facendo obras de restauración”, garante García, e “arranxouse toda a a circunvalación do castelo para que se poida ver dun xeito seguro e saber o que houbo alí”.

Asemade, retomar o valor cultural da zona é algo prioritario para o goberno local, que está a traballar na edición dun pequeno libro sobre as torres “para repartir entre a veciñanza”. Tamén se impulsará unha representación teatral sobre a historia do monumento, que é “unha idea do ano pasado que se freou con todo o que veu agora”, e que se non “xa a estariamos montando”, explica García. Está plantexado que a propia actuación sexa nas torres, e farase cando a situación o permita.

Responsabilidade Baixo esta nova normalidade que veu para quedarse, José Luis García asegura que “todo o mundo é ben recibido” a esta vila con recunchos formidables e, sobre todo, seguros. As mesmas torres viven en compaña de paisaxes de postal, de asentamentos como o castro Lupario ou incluso da Igrexa de Bastavales, que Rosalía puxo no mapa. “Queremos animar a todo o mundo a que veña e a que teñamos sentidiño”, conclúe o alcalde, “é o unico que pido a visitantes e veciños de Brión”.

10 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito