Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Esta 23ª edición do festival celebrouse coas medidas sanitarias pertinentes //De xoves a domingo, todos os asistentes terán unha cita con artistas como o dúo Meraki, Anecoid e Igloo, así como o segundo obradoiro do Verán con sentidiño Noela Vázquez

Caldas de Reis despide esta fin de semana o ‘Cultura Quente’

O emblemático festival Cultura Quente de Caldas de Reis, que encheu de música as noites deste mes de agosto, chega xa á súa derradeira rolda de actuacións. O concello ten pechada a programación para esta fin de semana, coa que se rematará a viséximo terceira edición do festival. Cunha ampla presencia de músicos locais, os veciños e visitantes que se acerquen á vila estes días poderán desfrutar dunha gran selección de artistas e diferentes xéneros.

O xoves 22, o Dúo Meraki inaugurará as actuacións asentadas na praza de Abastos a partir das 21.30 horas. Os artistas que conforman o grupo, Andrea Cangeri e Rosa Pampilo, traerán a súa música coa súa guitarra e o seu violín respectivamente, cun repertorio que abarca unha gran variedade de estilos, como folk, rock, música clásica, bandas sonoras que, ademais, misturan con elementos narrativos e teatrais facendo das súas performances pezas completas, chamativas e, sobre todo, entretidas.

O venres, día 21, será o turno do DJ Moe, que pinchará na Tafona para dar paso a Anecoid, unha banda de música metal que ten as súas orixes na propia via caldense, e que volta un ano despois de ter presentado alí a súa xira. Sen dúbida, unha cita para reunir a todos aqueles que busquen rematar a noite cun pouco de rock-metal.

O turno dos máis pequenos chegará o sábado 22, coa segunda xornada de obradoiros infantís do Verán con sentidiño. Levarase a cabo no paseo Román López a partir das 11.00 horas da mañá, ao que poderán asistir un grupo de como máximo 20 menores que deberán inscribirse no rexistro xeral do concello ou por vía telefónica. Unha novidade que se presenta neste abano de actividades será o espectáculo de monicreques U-la lúa?, que comezará a partires do medio día. Dirixida a toda a familia, esta posta en escena busca a pelar ás emocións, á ternura, ao respecto e á solidariedade para levar ao público a “un mundo no que a violencia non ten cabida e a ilusión fai os soños realidade”.

Esa mesma noite, e de novo na Tafona, o DJ Xaby será as 22.00 horas o teloneiro dun dos grupos máis agardados desta programación do Cultura Quente: Igloo. Beni Ferreiro é o caldense que lidera esta banda, cunha longa e exitosa traxectoria que se remonta ao 2005, e que amalgama seis discos e un EP. Será este grupo o que peche, definitivamente, o cartel do festival coa súa música ao máis puro estilo indie.

Remata así esta edición do festival Cultura Quente, que leva alegrando as rúas de Caldas nos meses de verán dende 1998, facendo da música un nexo entre todos os asistentes. Este ano, a pesares dos imprevistos e das dificultades que puido supoñer a pandemia para a organización deste tipo de eventos, o concello foi capaz de elaborar un cartel completo, seguro e entretido. Desde o goberno local, celebran que esta edición do festival, adaptada á crise sanitaria, obtivese unha fantástica acollida nas xornadas previas e conseguise o seu propósito, que é encher de música e de ambiente as noites estivais da vila termal pontevedresa.

Coma se leva facendo xa estas últimas semanas, as actividades previstas desenvolveranse adaptadas á situación que presenta a nova normalidade e, polo tanto, terán límite de aforo. A entrada será libre e de balde para todos os eventos ata completar o aforo permitido. Asemade, o concello insiste en que o uso de máscaras será obligatorio, igual que respectar as medidas de hixiene e de distanciamento social expostas polas autoridades sanitarias para poder levar a cabo este tipo de actividades con seguridade.

22 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.