Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Desbrozouse a zona, revisáronse os muros e balizáronse as edificacións // Pechouse o acceso ós espazos con perigo para visitantes e sendeiristas // É a primeira fase dun plan para recuperar e poñer en valor este espazo natural, cultural e paisaxístico TEXTO M. Boo

Caldas dota de seguridade a contorna da fábrica da luz

O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, informou onte que o Concello de Caldas de Reis vén de finalizar un proxecto de actuacións urxentes destinado a dotar de seguridade o conxunto da antiga central hidroeléctrica situada a orillas do Umia en Segade de Arriba, na parroquia de San Andrés de Cesar.

A coñecida polos veciños como fábrica da luz, remóntase nas súas orixes ó ano 1899 e serviu naquel momento para abastecer de luz eléctrica a municipios como Padrón, Cambados ou Vilagarcía, ademais de Caldas de Reis. A primeira central hidroeléctrica de Galicia estivo operativa ata 1952. Hoxe en día está considerada como patrimonio industrial europeo, ademáis de estar incluida na lista de bens industriais que se atopan en perigo en España.

En 2017 a parcela na que se atopa a edificación, moi próxima á cascada de Segade, foi adquirida polo Concello co apoio económico da Deputación de Pontevedra.

As actuacións levadas a cabo foron realizadas en base ao proxecto técnico elaborado polo arquitecto Julio Besiga co obxecto de garantir a seguridade do conxunto ante a afluencia de visitantes.

A intervención constitúe unha fase preliminar dentro dun plan máis amplo que se desenvolverá proximamente co fin de recuperar e poñer en valor este espazo natural, cultural e paisaxístico.

As actuacións desenvolvidas consistiron na revisión, balizado e sinalización das dez edificacións que compoñen o conxunto, marcando a prohibición de acceso a aqueles espazos que podían presentar un maior perigo por caída de cascallos.

Entre os edificios que se sinalaron atópanse dúas antigas vivendas, a cheminea de ladrillo, tres muíños e varias estruturas anexas á nave principal. Tamén se revisou de maneira xeral o estado dos muros estruturais para evitar a súa caída e ademáis desbrozouse a contorna das edificacións.

Aqueles espazos accesibles que debido ao deterioro do edificio presentaban un potencial risco pecháronse co fin de evitar a proximidade de visitantes e sendeiristas. As actuacións foron executadas no prazo dun mes pola empresa Endenor.

En próximas actuacións previstas polo Concello caldense en base ao proxecto de Julio Besiga prevese o desbroce e limpeza de toda a vexetación presente na estrutura e que provoca o deterioro da edificación.

Tamén se executarán traballos destinados a protexer os encabezamentos dos muros e garantir a súa estabilidade e vaise realizar unha avaliación estrutural de todos os edificios, así como da cheminea. Por último levarase a cabo a caracterización da cimentación dos muros e do terreo de apoio.

Manuel González destacou a importancia da intervención desenvolvida polo Concello e salientou que “aínda que se trata dun proxecto provisional e preliminar foi moi necesario para facilitar a visita segura ao conxunto e fomentar a posta en valor da contorna”.

Polo seu lado, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, coincidiu en valorar a importancia da actuación “como primeiro paso dentro dun proxecto moito máis amplo que permitirá a recuperación do complexo”. Precisamente, o rexedor subliñou “o enorme interese paisaxístico, natural e histórico que garda o conxunto formado pola fábrica da luz e a fervenza de Segade” e convidou a todos a realizar unha visita a un espazo “dun enorme atractivo que desprende encanto, ademais de natureza e misterio”.

09 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.