Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caldas prevé rehabilitar o lavadoiro tradicional sito na ribeira do Umia e acondicionar a súa contorna

Xa foi autorizada a actuación por Augas de Galicia e pola Dirección Xeral de Patrimonio // A construción data de 1953 e está feita de granito con teito de tella

O Concello de Caldas ten previsto rehabilitar o lavadoiro tradicional situado na ribeira do Umia, e tamén acondicionar a súa contorna. Así o anunciaba onte o concelleiro de Infraestruturas e Obras, Manuel González, que lembraba que é un ben catalogado no Plan Xeral de Ordenación Municipal e que está incluído no Catálogo do Patrimonio do municipio.

O Concello conta xa co proxecto técnico para a rehabilitación, redactado por parte dos servizos municipais, e tamén ten concedidas as autorizacións correspondentes por parte de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio que dan luz verde á obra. O traballo foi orzamentado nun total de 17.316 euros e para a súa financiación o goberno local botará man de diferentes subvencións.

O lavadoiro data de 1953 e foi construído integramente en granito con teito de tella, conformando un conxunto tradicional cuberto que hoxe en día preserva un importante valor etnográfico e patrimonial. Ademais, atópase situado fronte ao Xardín Botánico, declarado Ben de Interese Cultural, e á súa beira hai un freixo histórico de folla estreita “que resalta o interese paisaxístico do conxunto”, engaden fontes municipais.

A renovación do tellado do lavadoiro, “obra necesaria polo deterioro sufrido co paso do tempo”, sinalan dende o Concello, “será integral”. É dicir: substituiranse tanto a estrutura de madeira como a cuberta de tella plana. A nova de madeira e a tella que se vai empregar na restauración serán iguais ás existentes na actualidade, de modo que se herdarán tanto as dimensións como os materiais, así como as formas e a estrutura actual para conservar a imaxe orixinaria do mencionado lavadoiro.

Polo seu lado, o acondicionamento da contorna consistirá na limpeza dos terreos lindeiros, do cano do depósito previo de pedra que subministra auga ao lavadoiro, así como na retirada de residuos orgánicos e sedimentacións acumuladas no leito do río na contorna do elemento patrimonial. O depósito previo ao lavadoiro atópase deteriorado, de maneira que o proxecto tamén contempla a súa reparación usando para elo materiais de características iguais aos existentes para preservar a súa imaxe orixinal.

O concelleiro de Obras e Infraestruturas de Caldas de Reis, Manuel González, puxo de relevo “o compromiso do goberno municipal por limpar, protexer e rehabilitar as fontes e os lavadoiros do municipio, así como outros elementos do noso rico patrimonio cultural tradicional”. De feito, o Concello vén realizando durante as últimas semanas traballos de acondicionamento e limpeza de fontes e lavadoiros aos que hai que sumar as actuacións de programas como Fontes do Camiño.

Segundo sinalou o edil, “aínda que este tipo de lavadoiros perderon o seu uso orixinario, son bens moi presentes no noso municipio que gardan un relevante valor etnográfico e cultural e son moi queridos polos veciños como parte da súa identidade, polo que é importante traballar dende a administración local na súa preservación”.

13 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito