Camariñas acondiciona os accesos do paseo marítimo de Camelle
Camariñas. Esta semana comezarán os traballos de mellora dos accesos do paseo marítimo de Camelle, que consistirán na rehabilitación e renovación dun tramo da rúa Campo de Area.
O proxecto contempla tamén a renovación da rede de saneamento, a construción dunha rede de pluviais e novas acometidas, incluíndo a de abastecemento de auga.
Asemade, a actuación inclúe a urbanización da referida rúa coa fin de aumentar a seguridade dos peóns e o acondicionamento para persoas con mobilidade reducida. Estímase que a duración das obras será de dous meses, e o investimento de 68.232 €.
A alcaldesa, Sandra Ínsua, asegura que a intención do Concello é “dotar ao núcleo de Camelle cun acceso acorde á importancia natural e patrimonial do mesmo. Dentro deste novo proxecto contemplamos o aumento da protección dos viandantes”. Onte, xunto cos concelleiros Sergio Caamaño e Begoña Tajes, participou no replanteo.