Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Camariñas pedirá a concesión da captación de auga da Ponte do Porto se ninguén o fai

Reuniuse a alcaldesa coa veciñanza para informar da situación do servizo que viña prestando unha empresa

Camariñas. A partir do 31 de agosto deixará de prestar o servizo a empresa Aguas Vecinales de Ponte do Porto e, co fin de avaliar a situación na que queda o mesmo, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, reuniuse cos veciños e veciñas.

Debido á importancia do tema a tratar, ao citado encontro, que se ía celebrar no centro cultural, asistiron máis de 150 persoas, polo que tivo que levarse a cabo no exterior dun xeito improvisado.

A parroquia da Ponte do Porto é a única de todo o municipio que aínda conta cunha rede de auga veciñal, polo que non todos os seus habitantes estaban conectados á rede municipal, que foi construída hai anos cun investimento de preto dun millón de euros.

Agora, o Concello asumirá a xestión da auga a partir do 31 de agosto, e a rexedora explicoulle á veciñanza que a intención é a de conseguir a concesión da captación que estaba a usar Aguas Vecinales de Ponte do Porto, aínda que só o farán “sempre e cando non haxa ningunha asociación que o queira facer, xa que se hai alguén interesado en prestar o servizo que viña ofrecendo a familia De la Fuente, a administración local non se interporá”.

Sinalou, non obstante, que a solicitude supón un trámite administrativo longo e, unha vez concedida, terá que acometerse unha importante obra para poder facer chegar a auga á estación de tratamento, e despois a todos os veciños. “Isto suporá que, nun futuro, a auga do Concello chegará dos mellores mananciais da zona: o embalse do Pichón e o manancial da Ponte do Porto”, afirmou Sandra Ínsua.

Mentres que non se concrete a situación na que quedará a rede de abastecemento veciñal, os interesados en darse de alta na municipal só deben acudir á casa consistorial, “xa que todos dispoñen nas súas casas das tubaxes e acometidas con contador, grazas á obra que levou a cabo a administración local hai 10 anos e que no seu momento supuxo un investimento de máis dun millón de euros”, engadiu.

A documentación requerida para levar a cabo o trámite será simplemente o recibo do IBI e o DNI do que vaia ser titular do servizo. No caso de non coincidir os titulares terán que acudir as dúas persoas e, no caso de que o titular sexa unha persoa falecida, tamén se deberá entregar a escritura notarial que certifique que esa persoa é propietaria da vivenda para a cal solicita o subministro de auga. No momento da alta cobraranse 144,82 euros, dos que 17,03 € son polo abono ao servizo e 127,79 polos dereitos de acometida. Mensualmente, polo aluguer de contador, establecerase unha taxa de 1,71 €. O consumo pasarase a final de ano e a lectura do contador farase en maio.

02 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito