Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo asesorará aos autónomos, empresas e traballadores locais

Puxo en marcha a web covid19.carballo.gal, que inclúe todo tipo de información e recursos

Carballo. O Concello carballés, no marco do plan integral de reactivación económica, puxo en marcha un servizo de asesoramento personalizado para traballadores, autónomos e empresas, que funcionará a través da web covid19.carballo.gal.

Un espazo que xa está operativo, e no se que concentra toda a información sobre o covid-19, fundamentalmente de interese laboral e empresarial, pero tamén de ámbito social e institucional.

O obxectivo, aseguran, é “xuntar nun único espazo todas as medidas e os recursos que están á disposición da cidadanía nesta crise sanitaria, polo que os distintos apartados estarán en actualización constante”.

Na portada da páxina destaca un formulario que porá a traballadores, autónomos e empresarios en contacto con persoal técnico especializado que resolverá as súas dúbidas sobre cuestións profesionais. Paralelamente, habilitaron o enderezo reactivacarballo@carballo.gal e inclúese unha ligazón directa coa sede electrónica do Concello para facilitar as tramitacións, que cada vez serán menos presenciais e máis telemáticas.

O portal inclúe tamén un apartado de medidas económicas no que se recollen todas as liñas de apoio de cada unha das administracións para traballadores, autónomos e pemes, que será actualizado constantemente. As medidas locais integran outro dos apartados da web, co obxectivo de que a cidadanía teña coñecemento das accións que vai emprendendo o Concello de Carballo nos ámbitos social e familiar, de apoio á empresa e o emprego, de protección da cidadanía e de adaptación dos servizos públicos ás distintas fases da crise sanitaria.

No apartado de guías e recursos inclúese toda a información sobre as fases da desescalada e unha serie de guías prácticas individuais para os distintos sectores de actividade e outras xenéricas para os centros de traballo, a actividade comercial ou a formación.

O portal complétase cunha sección de información sanitaria e un espazo de avisos e novas municipais relacionadas co coronavirus. As persoas interesadas tamén atoparán as respostas ás preguntas máis frecuentes en materia de seguridade social, fiscal e laboral. j. m. r.

01 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito