Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Case un millón para rehabilitar o CEIP número 1 de Melide

A idea é iniciar as obras durante o verán e logo compatibilizalas co arranque do curso escolar

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación, por 956.948 €, a obra de rehabilitación integral do CEIP de Melide nº 1 . A actuación inclúe unha parte centrada na mellora da eficiencia enerxética do centro, mediante a substitución da cuberta existente na zona de comedor-cociña e na deportiva por unha nova panel sandwich con illamento intermedio de poliuretano; así como a través do illamento das fachadas polo exterior mediante sistema SATE, realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS. Tamén con este obxectivo, renovaranse as fiestras por unhas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e colocaranse luminarias LED con regulación lumínica.

A mellora da accesibilidade ao centro, explican dende a Xunta, conseguirase mediante a instalación dun ascensor exterior que comunique todas as plantas, dunha rampla exterior en planta baixa no acceso principal ao edificio, e doutra rampla no interior da planta soto que conecte o ximnasio co ascensor. Por outra parte, crearanse novas aulas no interior da actual vivenda do conserxe, que estarán dotadas dos accesos pertinentes. A maiores, está prevista a reparación e pintado de paramentos interiores, o esmaltado de carpinterías interiores de portas e o abrillantado do pavimento de terrazo. A previsión é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas a partir de setembro co curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses.

FIRME. Asemade a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora do firme en varias estradas de titularidade autonómica nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Betanzos. Esta actuación, adxudicada por un importe de máis de 880.000 euros á empresa F. Gómez y Cía S.L, conta cun prazo de execución de cinco meses. A idea é poder iniciar as obras a finais de xullo.

O obxectivo da intervención é a mellora das condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-231, ao seu paso polos municipios de Aranga, Curtis e Sobrado, e na estrada AC-840, ao seu paso polos concellos de Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto. Rehabilitarase o firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento.

08 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito