Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Chega ao seu final o campamento de Bandeira, en Silleda

O campamento de verán do servizo lúdico educativo do Concello de Silleda rematará o vindeiro luns, día 31, na localidade da Bandeira, “ao non rexistrarse demanda para os primeiros días de setembro”, explican fontes municipais. Dende o pasado un de xullo estase a prestar o citado servizo nas localidades de Silleda e da Bandeira, con quince nenos e nenas usuarios.

No caso de Silleda, o lúdico seguirá ata a véspera do inicio do curso escolar. Así mesmo, a finais do mes pasado rematou o prazo para solicitar a participación das familias no servizo lúdico educativo durante o curso, que ao igual que outras propostas municipais require un protocolo de actuación e prevención dada a situación sociosanitaria actual pola covid-19.

No caso do campamento de verán xa se veu aplicando con medidas como a toma de temperatura diaria, uso de máscaras e a preferencia de actividades ao aire libre.

Ademais, dende o Concello vén de poñerse en marcha unha novidosa iniciativa que baixo o título Cóidame, ofrecerá dende o vindeiro día 1 de setembro a atención da infancia a domicilio, unha medida para poder respostar a necesidades puntuais ante a situación actual motivada pola incidencia do coronavirus, e para favorecer tamén a conciliación laboral e familiar.

O formulario de solicitude desta medida, dirixida a nenos e nenas de entre 12 semanas e 12 anos, e para menores con discapacidade, está xa a disposición das familias na web. “Este servizo gratuíto, que se prestará inicialmente ata decembro, busca dar resposta ás familias que poidan precisar, por distintos motivos, a atención dos seus fillos e fillas a domicilio”, explica a concelleira de Educación e Igualdade, Ángela Troitiño. Os que desexen obter información poden chamar ao número de teléfono 986 592 037.

26 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito