Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Concertos de bandas locais neste verán ribeirense

Sampedro presentou onte o programa Rúas Musicais que se abre o domingo en Artes

Rodeada de intérpretes, a concelleira de Cultura de Ribeira, María Sampedro, deu a coñecer, nun acto celebrado ao mediodía no miradoiro do Malecón, unha nova programación para este verán que está formada integramente por grupos locais. A iniciativa responde ao nome, Rúas Musicais, e componse de quince concertos repartidos polas nove parroquias do municipio, o primeiro dos cales terá lugar este mesmo domingo ás 13.00 horas no centro recreativo de Artes a cargo do grupo Rock-Olas.

Na presentación Sampedro explicou que a causa da pandemia do covid-19 moitas das actividades lúdicas programadas polo departamento de Cultura tiveron que ser canceladas (como foi o caso do Kurrala Rock de Corrubedo a pasada Semana Santa) ou reformuladas ante a necesidade de manter os protocolos de seguridade. De aí naceu esta iniciativa, organizada polo Concello coa colaboración de Musieventos e que xurdiu man a man cos propios músicos da localidade.

“Este verán a aposta que temos que facer é pola nosa xente e axudar aos nosos grupos”, declarou Sampedro, que engadiu que “eles sempre estiveron ao noso carón cando os necesitamos e creo que é o momento de corresponderlles e estar ao seu lado”. O propósito, explicou a concelleira, “é celebrar actividades tranquilas, focalizadas en sesións vermús ou no terraceo das tardes, que fagan máis agradable a estancia no noso concello”. Moitas delas serán en festivos e vésperas de festivos ou en datas sinaladas como as que cadran nas patronais de Santa Uxía.

A programación prevista iníciase o domingo en Artes, e continúa o día 19 en Aguiño coa actuación de Os Milindros, as 13.00 horas .Xa o día 2 de agosto, o turno será para Leite con Jalletas, as 13.00 horas en Ribeira, e o 9 en Corrubedo actuarán Os Bugis co mesmo horario. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, tócalle o turno ao grupo Recambios Tucho en Castiñeiras, e o 15 en Ribeira, ás 13.00 horas a La Banda de Luke El Bala Perdida. Ese mismo día, pero en Palmeira, ás 20.30 horas, actuarán Alba e Loren.

Para o día 16 de agosto está previsto en Carreira, ás 13.00 o Concerto Descaro; o día 23 en Castiñeiras e con horario de tarde, ás 20.30 horas, Recambios Tucho, e en Olveira, ás 13.00 horas, Pantuma-K, e o 30 de agosto en Ribeira, ás 13.00 horas, actúa Aliaxe

Xa en setembro, o 6 en Oleiros, 13.00 horas, Os Bugis; o 11 en Ribeira, 21.00 horas: Espazo en Branco; o 12 Ribeira, ás 13.00 horas, Blow e o 13 de setembro, pecha en Ribeira Thais Sukixto.

11 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito