Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Pino segue a potenciar a lectura con historias dirixidas aos nenos // Frades xa organizou un pequeno curso gastronómico // Ames promove actividades a través da súa Aula da Natureza // AGA celebrou con eles o Día da Abella TEXTO C. Estévez

Contos, concursos e debuxos para entreter aos pequechos

A situación extraordinaria creada pola crise sanitaria vaise relaxando e os máis pequenos, ao igual que os adultos, xa poden sentir cada día a luz do sol e desfrutar paseando polas rúas. Unha acción que noutros momentos nos parecería do máis insignificante, pero que hoxe se converte, sen dúbida, no noso momento favorito do día...

A pesar de todo, son moitas as horas que os cativos teñen que pasar dentro da casa. E como non van ser todo deberes do colexio, os distintos concellos e asociacións estanse a esforzar durante toda a cuarentena por crear actividades que os nenos poidan facer de forma online. É o caso por exemplo do Concello do Pino, que dende comezou o estado de alarma publica nas súas redes distintos contos, no marco dunha iniciativa (A Hora do Conto) na que participan varias bibliotecas galegas coa idea de incentivar a lectura entre a cativada.

Tamén o municipio de Frades empregou as redes municipais para ir convidando aos nenos a participar en varias propostas. Algunhas das máis exitosas foron o Mini Chef Na Casa, a través do cal os pequenos foron elaborando receitas doces e salgadas seguindo as pautas que lles marcaban dende o Concello. Logo os resultados foron colgados na rede social. Igualmente organizaron, baixo o nome Xogando co Concello de Frades, competicións de preguntas sobre a vila e o coronavirus, nas que gañaba o que tivera máis respostas correctas en menos tempo.

Pero non só os municipios son os que pensan nos máis pequenos nestos momentos, tamén moitas asociacións dirixiron a eles as súas actividades. É o caso por exemplo de AGA, a Asociación Galega de Apicultura, que celebrou o pasado mércores o Día Mundial das Abellas. Ao non poder organizar as charlas informativas e as propostas de cada ano, decidiron convidar aos cativos a que enviasen un debuxo no que mostrasen a importancia destes insectos para o noso planeta, para logo colgalos nas redes sociais.

Tamén son moitos os proxectos virtuais que engloban non só aos nenos, senón tamén aos maiores. En Melide organizaron durante varias semanas un concurso de fotografías antigas da vila, e foron moitos os veciños que se animaron a buscar os lugares máis emblemáticos da zona para mostrar a súa apariencia no pasado, outros incluso compartiron fotografías da veciñanza desfrutando de distintas celebracións.

Vedra tirou tamén en certa medida da morriña para crear o Vedrea, unha proposta que se articula en tres partes. Unha é un banco de recursos no que distintas entidades, asociacións e particulares foron compartindo todo tipo de iniciativas de carácter deportivo, musical ou cultural. Outro dos apartados leva por nome Mapa emocional de Vedra, e alberga toda unha colección de fotografías antigas da vila e da veciñanza que non fixo máis que medrar ao longo das semanas. O último titúlase De Vedra no Mundo, e nela recóllense imaxes que demostran que os vedreses recorreron moitos países e continentes. Todo o contido está publicado en vedrea.net, e os interesados aínda poden seguir participando.

Pero tampouco se poden esquecer as distintas actividades que Ames, a través da súa Aula da Natureza, está a xerar para entreter aos pequenos e aos seus pais durante o estado de alarma. Entre elas, pararse a observar as anduriñas e debuxalas con ánimo de poñer en valor esta especie, ou ben distintos obradoiros, como o de elaboración de xabón natural.

25 may 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.