Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cultura Quente encherá Caldas de actividades durante xullo e agosto

dos artistas locais

Caldas. O Concello de Caldas de Reis deu a coñecer onte a programación cultural para

este verán que se presenta baixo o nome do seu emblemático festival Cultura Quente e se desenvolverá do 16 de xullo ao 22 de agosto. As actividades deseñáronse apostando claramente pola creatividade dos artistas locais e adaptando todo o programa ás condicións da nova normalidade. Os eventos desenvolveranse en varios espazos da vila co obxectivo de dinamizar os sectores de comercio e hostalería e o da cultura.

O festival está integrado por cinco bloques temáticos. O primeiro: Música e o da escola, terá lugar todos os xoves en diferentes rúas. Estará composto por música instrumental de distintos artistas da Escola Municipal de Música de Caldas.

O segundo bloque Son Cileno, achegará ás prazas da vila todos os venres e sábados concertos de músicos e bandas da localidade. Polo seu lado, Vermú de Domingo, encherá as rúas de alegría á hora do vermú con grupos de gaitas, fanfarrias e charangas que desfilarán en pasarrúas. Tamén sairán ao vermú os xigantes e cabezudos que non queren perder a oportunidade de saudar este verán a caldenses e visitantes.

Brincadeira dálle nome ao apartado deportivo do programa estival, coa celebración de actividades deportivas diversas para nenos e fitness para adultos. A isto súmase a organización do campamento urbano que terá lugar a última semana deste mes de xullo. Por último, o Cultura Quente integrará a mostra de arte urbano Kaldarte 2020 e unha exposición de fotografía no auditorio municipal. A programación comeza o día 17 de xullo con Pequeña Gran Compañía e o 18 coa actuación de Soúldiers. Non obstante o día 16 terá lugar, como actividade previa, unha sesión de contos para adultos coa contacontos Ángeles Boás. O 23 será a quenda de Chorinhos e Afíns para dar paso o venres 24 ao concerto de Os Meninos. s. e.

08 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito