Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Unha aplicación de móbil permite facer unha ruta por 36 elementos arqueolóxicos do Barbanza ao longo de 13 km // O de Tordoia, coñecido como a Casa da Moura, foi declarado Monumento Artístico no ano 1975 FIRMA: Emma Barreira

De Axeitos a Dombate e ata Cabaleiros: viaxe polos dolmens de Área

A Costa da Morte é terra de megalitos, e leva anos esperando a que vexa a luz o prometido proxecto do Parque do Megalitismo, que abrangue varios concellos, e que ten en Cabana de Bergantiños e Vimianzo aos máis destacados xacementos. Así, na parroquia cabanesa de Borneiro atópase o dolmen de Dombate, considerado por moitos a catedral megalítica de Galicia.

Logo de anos de abandono, o xacemento foi recuperado pola Deputación da Coruña e transformado nun atraínte centro arqueolóxico polo que cada ano pasan milleiros de visitantes e amantes da historia. O Concello de Cabana promove alí múltiples actividades, que se multiplican nesta época de verán. Así, os sábados ás 18.00 e 19.30 horas hai visitas teatralizadas gratuítas a cargo de Os Quinquilláns. Tamén se impartiron obradoiros de Prehistoria e outros actos como visitas nocturnas ou concertos musicais.

Pola súa banda, Vimianzo acolle unha das maiores concentracións de dolmens de toda a contorna. O Concello ten deseñada unha ruta que percorre nove mámoas e que vén de ser acondicionada para facilitar o acceso aos visitantes. Trátase dun roteiro circular que se pode percorrer en coche ou bicicleta e que achega aos visitantes ata os dolmens de Pedra Cuberta, Pedra Moura, Pedra da Lebre, Arca da Piosa, Pedra da Arca, Arca de Rabós, Casota de Freáns, Arquiña de Vilaseco e Mina de Recesindes.

O Concello vimiancés organiza tamén visitas guiadas e este verán, de martes a venres, a partir das 16.00 horas, desenvólvense en Pedra Cuberta. Ademais, os interesados en coñecer máis de preto cada xacemento dispoñen de audioguías na páxina vimianzo.mobi.

No tocante á comarca do Barbanza, a gran xoia arqueolóxica é o dolmen de Axeitos (Ribeira), declarado BIC en 1978 e posteriormente adquirido pola Deputación da Coruña, xunto cos de Dombate e Cabaleiros.

Este elemento patrimonial está, segundo o director do Centro Arqueolóxico do Barbanza, Víctor Barbeiro, no TOP-10 dos xacementos máis visitados en Galicia.

Tamén é coñecido como Pedra do Mouro. Este monumento funerario colectivo de grandes dimensións provén da época megalítica, do terceiro milenio antes de Cristo. Está situado no lugar de Axeitos, parroquia de Oleiros. O dolmen componse dun sepulcro con corredor formado por unha estrutura de sete ortostatos de diversas dimensións cubertas por unha gran laxa e outras dúas máis pequenas pertencentes ao corredor que facilita a entrada á cámara. Ademais, caracterízase polo seu simbolismo asociado ás pinturas e gravados con motivos xeométricos e antropomórficos, algúns aínda visibles nunha das pedras, así como pola aparición na súa contorna de ídolos, pequenas esculturas feitas con cantos rodados.

Por outra banda, na Serra do Barbanza é posible facer rutas para coñecer 36 xacementos arqueolóxicos (entre eles a emblemática Arca do Barbanza) grazas a unha aplicación de móbil denominada iRoutes.

Esta ferramenta é o resultado dun proxecto levado a cabo fai tres anos polo Grupo de Estudos da Prehistoria do Noroeste (Gepn) da USC, a firma Ava Soluciones Tecnológicas, o Ministerio de Economía e o Concello de Boiro. A través dela poden facerse dúas rutas nas que se xeolocalizaron e se documentaron os principais xacementos e elementos.

Unha delas é a ruta das mámoas, de 13.200 metros, que pode percorrerse andando nunhas tres horas. Comeza no lugar de Outeiriño do Pan (próximo ao núcleo de Lidón, en Boiro) e remata no miradoiro da Curota, na Pobra. O 45 % do trazado faise por asfalto e o 55 % por terra.

Atravesa os elementos de Outeiro Redondo, Casota do Páramo, Sabuceda, Outeiriño do Pan, Arca do Barbanza, Armadoiro, A Cavada, Poza da Lagoa, Porto Traveso, Pedra da Xesta, A Portela, Chan de Figueira, Outeiro dos Corvos e Casarota do Fusiño. O elemento máis representativo é a Arca do Barbanza, declarado BIC en 2011 xunto co da Casota do Páramo. Atópase a 900 metros en liña recta do túmulo Porto Traveso 1, en dirección sur, seguindo o curso do río Barbanza.

Ocupa un pequeno rechán entre dúas ladeiras onde se encaixa o río. Ten unhas dimensións importantes, cun diámetro de 20 metros e unha altura de 1,80. A cámara presenta un estado de conservación aceptable, pois fáltalle só a lousa de cabeceira, parte da cal podería estar fragmentada e medio enterrada no interior da cámara. Conserva dez lousas. A lonxitude total da cámara xunto co corredor supera os 6,5 metros.

A outra ruta é a da gandería histórica, tamén de pouco máis de 13 quilómetros, que se inicia en Penas de Calo e remata en Outeiro do Raposo pasando por uns trinta puntos de interese, neste caso restos de construcións que abarcan dende a prehistoria ata a época altomedieval.

En Rianxo convén visitar a necrópolis dos Campiños, en Leiro, formada por seis xacementos e que foi escavada nas décadas dos 70 e os 80.

Estes últimos están incluídos no roteiro arqueolóxico deseñado polo Concello e plantexa un percorrido polos petróglifos de Rianxiño, A Foxa Vella e Os Mouchos, o castro de Rianxiño, as mámoas do Corniño e e dos Campiños e o pazo dos Torrado de Brión. O camiño sinalizouse en 2015 e o trazado está dispoñible en formato electrónico a través de Google Maps. O túmulo dos Campiños resultou gravemente alterado pola apertura dunha pista forestal do ICONA a finais dos anos setenta.

Xa na comarca compostelá pode descubrirse o dolmen de Cabaleiros, ubicado no concello de Tordoia. É popularmente coñecido como a Casa da Moura, nome que se remonta a unha antiga lenda que narraba como se viu aparecer unha bruxa moura que levaba unha tampa do dolmen na cabeza mentres tecía un vestido. Foi declarado Monumento Artístico en 1975 e conserva seis chantas dunha cámara poligonal sobre as que repousa unha lousa a modo de teito de 4 metros x 3,40. No seu interior a altura máxima é de 1,70 metros. As súas coordenadas son: 43.096922 – 8.550282 e as visitas son libres toda a semana, “aínda que na actualidade e ata o 30 de setembro, conta con visitas guiadas sábados, domingos e festivos en horario de 11.00 a 19.00 horas”, informan dende o Concello.

24 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito