Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Branca, de herbas e tostada foron as tres variedades que se cataron // Daranse a coñecer hoxe os mellores produtores // Haberá actividades para os nenos e música, aparte da ruta de tapas // Mañá remata a Festa da Anguía TEXTO A. Prada

Degustáronse ata 23 licores no concurso de Caña de Valga

A pesar da situación excepcional que estamos a vivir por mor da pandemia, o Concello de Caldas celebra dende o pasado día 22 a trixésima edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. E é que o goberno local decidiu manter o evento, pero reformulouno para evitar as grandes aglomeracións e organizou actividades seguras e dirixidas a público reducido.

O pasado xoves tiña lugar no Centro de Interpretación da Caña do País a precata do concurso tradicional de caña e onte foi a final. Degustáronse ata 23 licores de tres variedades diferentes: branca, de herbas e tostada. Os catadores Mª Dolores Catoira Piñeiro, Juan Carlos García Busto, Ricardo Abuín Mariño e Manuel Blanco Picón, realizaron na precata do xoves unha primeira selección de licores. Onte pola noite foi o turno da cata final, da que saíron os gañadores de cada modalidade. Os galardoados como mellores produtores daranse a coñecer hoxe sábado durante os actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O produtor da mellor caña branca será gratificado con 300 euros, mentras que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 200 €. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.

No mesmo acto de hoxe, no Parque Irmáns Dios Mosquera, anunciaranse os galardoados do concurso Embelecer Valga, do certame artístico para elixir o cartel anunciador da festa, da Ruta ‘Tapa a Anguía’, e os afortunados do sorteo de dez vales de compra de 30 euros entre todas as persoas que votaron polo seu bocado favorito. Os catadores foron os encargados de extraer da urna as papeletas afortunadas. Por certo que na cata de onte tamén se presentou a botella conmemorativa desta edición e o obradoiro ‘O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa’, unha proposta que mestura a narración oral coa posta en escena teatral. A actividade conta cunha segunda parte na que se leva a cabo un taller de cociña.

Dende o concello animan a achegarse hoxe ata Valga para degustar, dende as 12.00 e ata as 15.00 horas, as famosas tapas con anguía. Xa ás 17.00 horas terá lugar, no Centro de Interpretación da Caña do País, o acendido de potas para a demostración de destilado de caña. Pola tarde os máis pequenos poderán desfrutar do mago Paco, que presentará unha morea de historias a través de xogos, que levarán a nenos e maiores a descubrir a maxia que esconden os contos. Cara a tardiña tocará sesión de baile e coreografías e a noite estará amenizada pola actuación da Banda de Música Municipal de Valga.

Mañá, día 30, darase punto e final ao festexo coa degustación, novamente, dos petiscos de anguía. Dende o Concello lembran a todos os que se acheguen ata o municipio a obrigatoriedade de cumprir as normas sanitarias levando mascarilla e mantendo a distancia de seguridade, “pola súa saúde e a de todos”, recalcan.

EQUIPAMENTO Por certo que o Centro de Interpretación da Caña do País estrea equipamento, tanto na zona dedicada ao destilado tradicional da augardente coma na planta superior, destinada a catas, exposicións e outras actividades. En concreto, o centro conta con novo mobiliario coma mesas, sillas e un moble de cociña con fregadoiro e espazo de almacenaxe. Na planta superior instaláronse, ademais, dúas vitrinas cunha exposición das botellas conmemorativas das sucesivas edicións da Mostra da Caña do País. Estas incorporacións súmanse ao equipamento que xa contiña o edificio, entre o que destacan dous alambiques e un lagar.

29 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.