Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Doan á biblioteca de Ribeira un libro sobre o naufraxio do iate ‘Debonair’ no 59

Francisco Sánchez Fraga e Fernando Vilariño son os autores da publicación, que inclúe documentos e fotos

Ribeira. A biblioteca municipal de Ribeira vén de recibir un libro realizado por dous integrantes da Asociación Corrubedo XI Séculos, Fernando Vilariño e Francisco Sánchez Fraga, que rescata o naufraxio do iate inglés Debonair en 1959, así como a heroica actitude dos veciños do pobo ao amparar aos náufragos (un matrimonio e un fillo pequeno), motivo polo que foi distinguido coa única medalla de prata a título colectivo concedida pola Sociedade Española de Salvamento de Náufragos.

Titulado El naufragio del Debonair e con 170 páxinas, comprende unha ampla recompilación de documentos antigos, textos, telegramas, fotografías e recortes de prensa, ademais de crónicas actuais sobre os feitos, cos que se rememora este mediático suceso que recibira a atención de periódicos de toda a xeografía española. Os autores quixeron destacar a colaboración da veciñanza de Corrubedo así como a cesión de fotografías por parte da viúva de Luis de la Peña (avogado santiagués que xogou un papel importante na concesión da citada medalla) e de Kathryn Mary St Clair Davis, filla e irmá dos náufragos, que reside en Cape Cod (Estados Unidos).

De feito, a publicación rememora tamén un evento recente: a visita no inverno do ano pasado de Hanna Slater, filla de Kathryn, neta e sobriña dos náufragos, a quen se lle dispensou un emotivo acto de reencontro por iniciativa da asociación na igrexa parroquial onde se garda a medalla (no manto da Virxe do Carme).

Todo isto está reflectido nun libro do que se imprimiron dous exemplares grazas aos servizos de encadernación da biblioteca. A edil de Educación, Juana Brión (acompañada do arquiveiro municipal, José Antonio Otero, e do bibliotecario, Xoán Fernández) foi a encargada de recibilos e xa poden ser consultados por calquera usuario. s. s.

07 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.