Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Esixen a redinamización urxente de Val do Dubra

Dubra. Anova Val do Dubra defenderá unha moción para darlle pulos ao concello ante os danos económicos causados por un confinamento pernicioso, pero necesario pola pandemia “que tantas mortes está a causar”, di o seu voceiro, Antonio Negreira. A mesma fonte lamenta que o tripartito local dea “a calada por resposta” e non tome “medidas ao respecto”, cuantificando nuns 300.000 € a cifra necesaria.

Segundo os edís da oposición, “cónstanos a preocupación dos veciños por estes danos, e somos conscientes de que poden ser irreparables se non se prestan as axudas necesarias”, explicando que “urxe un plan para redinamizar social e economicamente Val do Dubra”. Por iso, cren imprescindible prestar axuda económica aos autónomos que foron forzados a paralizar a súa actividade, ademais de crear un bono social básico mensual para todas as familias que, sempre previo dictame dos Servizos Sociais, non teñan ingresos para comer, pagar luz, auga ou Internet, entre outros servizos.

Tamén destacan a oportunidade de crear un bono escolar para todo o alumnado de ensino obrigatorio co que poidan facer fronte aos gastos que a nova situación está a orixinar. Outros puntos nos que opinan que se debe actuar son na financiación de actividades de conciliación ata que os colexios recuperen a actividade normal, e na posta en marcha dun bono-taxi para que todas as familias sen coche poidan desprazarse ó médico, á farmacia ou ó supermercado un número razoable de veces ó mes. Tampouco se esquecen da necesidade dunha campaña de promoción do comercio, produtos e recursos locais a mercar no concello “e conseguir que máis xente se acerque e consuma en Val do Dubra”, continúa Negreira, nun intre no que “moita xente está a pasalo mal e algún comercio e pequenas empresas poderían desaparecer ou telo moi difícil”.

“Dada a urxencia da situación e ante a falta de resposta do goberno municipal”, Anova vai someter a debate e aprobación do pleno esta iniciativa para que se lle dea luz verde a unha partida duns 300.000 € “incluíndo os máis de corenta mil achegados pola Deputación”, indican. c.g.

24 may 2020 / 02:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.