Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 08 agosto 2020
01:02
h
Foi recollido nun libro que vén de publicar o Instituto de Estudos Bergantiñáns co apoio de catro concellos // Inclúe traballos do ornitólogo José Luis Rabuñal e da USC sobre a saúde do río que vertebra e define a toda a comarca

Estudo integral do Anllóns na procura da súa conservación

Despois de máis de dous anos de traballo, o Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) vén de publicar o libro O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, un estudo integral e pormenorizado da cunca fluvial que, ao longo de 71 quilómetros, vertebra e define a toda a comarca de Bergantiños.

Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Antón García Losada e Luís Giadás son os autores que lle deron forma á obra, para o que contaron coa colaboración de máis de trinta persoas e entidades que lles aportaron os seus coñecementos.

A publicación divídese en oito apartados nos que se aborda, ademais dunha descrición detallada da cunca fluvial desde o nacemento do río en terras da Laracha ata a súa desembocadura na ría de Corme e Laxe, aspectos como a evolución histórica do nome; as referencias literarias, especialmente de Eduardo Pondal; a toponimia, recollida polo especialista Fernando Cabeza Quiles; e estudos pormenorizados de cada parroquia pola que pasan as augas do Anllóns, segundo sinala o presidente do IEB, Xan Fernández Carrera.

Na obra recóllense tamén estudos da flora e da fauna da cunca fluvial e da enseada da Ínsua, ademais dunha relación e análise dos afluentes de máis dun quilómetro e de todas as parroquias polas que discorre o Anllóns, facendo mención especial aos elementos históricos e patrimoniais máis próximos ao río. Todo isto acompañado de mapas de cada tramo.

Entre a variada información que ofrece o libro destacan dous traballos. Un deles aportado polo ornitólogo José Luis Rabuñal Patiño, centrado nas aves que se poden ver na enseada da Ínsua, e outro sobre a saúde do río, que foi elaborado por un grupo de investigación do departamento de Edafoloxía e Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O xermolo deste libro hai que buscalo nas monografías das parroquias da comarca que vén publicando cada ano o Instituto de Estudos Bergantiñáns, e que adoitan complementar tamén cunha ruta guiada polas terras que describen. De feito, parte da información desta nova obra aparece recollida parcialmente nas devanditas publicacións pero, “como no 2019 o IEB cumpriu vinte anos queríamos facer unha publicación máis ambiciosa e ampla”, afirma Fernández Carrera.

Así foi como xurdiu este libro, que ten como obxectivos principais “dar a coñecer un río que define plenamente todo o territorio e, ao mesmo tempo, procurar a súa conservación”. De aí que entre os destinatarios figuren os centros educativos e bibliotecas da comarca.

Para poder facer realidade a obra, de 352 páxinas con fotografías en cor, o IEB contou co apoio dos concellos da Laracha, Carballo, Coristanco e Ponteceso, que mercaron 900 dos 1.250 exemplares dos que consta a primeira edición, coa fin de distribuilos nos colexios, institutos e bibliotecas municipais. O resto foron financiados con fondos do propio colectivo, e unha parte xa está á venda nas librarías da comarca de Bergantiños.

A obra ía ver a luz nos meses pasados pero, debido á crise sanitaria, tiveron que aprazar os actos de presentación, que esperan poder celebrar en vindeiras datas nos distintos concellos regados polas augas do Anllóns. A publicación segue a líña, aínda que máis ampliada, da impulsada polos Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte sobre o río Grande, e da que tamén son coautores Xan Fernández Carrera e Evaristo Domínguez Rial.

14 jun 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito