Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Este proxecto, subvencionado pola Xunta, non fixo máis ca aumentar o número de alumnos nos cinco anos en activo // Nos últimos nove meses acadouse un índice de inserción do 65 % // No estado de alarma traballouse online TEXTO Alba Prada

Forma o Programa Integrado da Estrada a un cento de persoas

O Programa Integrado de Emprego da Estrada, que está cofinanciado pola Fundación Cultural do municipio (dependente do Concello) e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten como claro obxectivo a inserción laboral de todos os participantes. O número de alumnos non fixo máis ca incrementarse durante os cinco anos que leva en marcha. Así o indicou a este xornal o responsable da iniciativa na Estrada, Carlos Andújar: “Os últimos dous anos recibiron formación un cento de persoas fronte aos 80 do segundo ano ou os 60 dos primeiros”, sinalou.

A causa do aumento non é ningún segredo: unha formación minuciosa na que se atenden as carencias e necesidades individuais. “Analizamos os perfís e centrámonos en cubrir certas carencias para que non supoñan un impedimento á hora de incorporarse ao mercado laboral, explica Carlos. Así, abórdase unha formación personalizada e variada, e á vez, tamén se desenvolven cursos básicos de idiomas, novas tecnoloxías ou de prevención de riscos laborais.

A parte máis teórica, compleméntase con prácticas laborais non remuneradas, normalmente en empresas da zona, coa intención de que adquiran experiencia e poñan en valor as súas destrezas ante un posto de traballo determinado. “No que levamos de programa, realizaron prácticas en empresas un total de cinco persoas (dúas a día de hoxe) e tres comezarán nos vindeiros días”, concretan os responsables do Programa estradense. E é que a pesar de que a pandemia obrigou a parar esta parte práctica durante o estado de alarma, a ensinanza continuou con resultados moi positivos. “Os orientadores teletraballamos e impartimos as clases por videoconferencia, incluso de forma individual. De feito non faltaron as sesións de apoio psicolóxico”, apunta o responsable, Carlos Andújar. E a pesar das trabas que supuxo a crise sanitaria para os desempregados, algúns alumnos lograron un posto “sobre todo en sectores de fabricación, supermercados e atención sociosanitaria”, destacan. Concretamente, tras nove meses de programa, acadouse un índice de inserción do 65 %, xa que un total de 65 das 100 persoas que iniciaron este proxecto se incorporaron ao mercado laboral. Suliñan ademais que tres dos participantes puxeron ou van a poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial apoiándose na formación e no asesoramento en materia de emprendemento que se lles facilitou.

Onte o Programa estradense recibiu a visita do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, que asistiu a unha clase na que o alumnado recibía formación para realizar un vídeo de presentación para enviar ás empresas. “É un obradoiro que non tíñamos programado e que debido ao covid se fixo imprescindible”, xa que agora é o que se está demandando a modo de curriculum, segundo explicou Andújar. Aproveitaron a visita de Casal para preguntarlle si hai prórrogas para compensar os meses de teletraballo. O director xeral confirmou que se concederán ata tres meses máis aos distintos programas, segundo necesidade. “Nós imos prorrogar a formación (que remataría o 20 de outubro) un mes máis”.

“É A POLÍTICA DE EMPREGO MÁIS EFICIENTE”
{ A OLLADA }
Proxectos que funcionan
Alba Prada

Dende logo é de aplaudir o incrible funcionamento desta política de emprego posta en marcha pola Xunta. Que o 65 % do alumnado do Programa Integrado estradense lograse incorporarse ao mercado laboral nos últimos nove meses é un dato moi alentador. Os tempos que vivimos son complicados para todos, e máis para os desempregados. Agora hai ademais que sumar unha pandemia que agrava a situación. Con todo, estos Programas non pararon a actividade, e durante o estado de alarma a formación continuou vía online, impedindo deste xeito un ano perdido e, á vez, permitindo que parte do alumnado lograse ubicarse en postos agora máis demandados como son o sector sanitario ou o da alimentación. Noraboa!

15 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.