Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Hostelería Compostela reúnese cas formacións amesáns polas terrazas

Cren que o borrador é restritivo e piden dar máis espazo aos peóns reorganizando o tráfico

Ames. A hostalaría foi un dos sectores máis afectados a nivel económico pola pandemia do covid-19. Foron varios meses nos que tiveron que pechar completamente ao público e agora o aforo está reducido, polo que o nivel de clientela non é o que era antes de decretarse o estado de alarma. A pasada semana a Asociación Hostelería Compostela reuniuse cos afectados do sector no municipio amesán. A entidade presentou alegacións á ordenanza de terrazas aprobada polo goberno local por considerala “demasiado dura” para a realidade da vila. Instaban ao Concello a reordenar o tráfico para conseguir máis espazo para os peóns.

Onte Hostelería Compostela deu inicio aos contactos cos diferentes grupos políticos da vila. En concreto, citáronse co portavoz municipal do BNG e primeiro tenente de alcalde de Ames, David Santomil, e coa concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, para tratar con ambos as alegacións ao borrador da ordenanza de terrazas.

Para a nosa asociación “este borrador é demasiado restritivo para a realidade de Ames e obsérvase con preocupación, entre outros temas, que moitas das cuestións que regula queden ao criterio arbitrario do servizo técnico municipal”, consideran.

No caso concreto do Milladoiro, “os hostaleiros son conscientes de que o seu modelo urbanístico dificulta o equilibro de espazos peonís coas terrazas, pero o sector considera que a solución non pode vir a costa dos seus establecementos”, recalcan. As terrazas, din, son un espazo de socialización máis “e existen outras medidas máis axeitadas como a reordenación do tráfico que sirva para gañar espazo para os peóns”.

Os representantes do BNG avogaron por procurar o maior consenso posible nesta nova normativa, unha idea que Hostalaría Compostela “ve con moi bos ollos”. O obxectivo , insisten dende a entidade, é lograr “unha ordenanza o máis xusta e funcional para todos, hostaleiros e resto da veciñanza de Ames”.

As reunións cos grupos políticos do municipio continuarán hoxe cun encontro coa formación Ames Novo. Nesta semana teñen tamén previsto reunirse coa concellería que alberga as competencias neste tema para tratar o problema. A. Prada

07 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito