Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Inaugurado en Carballo o Monumento ao Pan como símbolo identitario local

Acisclo Manzano deu forma á escultura situada no parque do Rego da Balsa // A iniciativa partíu da Asociación Lumieira

Lembrando á deusa Ceres, onte foi inaugurado no parque do Rego da Balsa de Carballo o Monumento ao Pan como símbolo dunha tradición secular que identifica e representa ao municipio.

Foi unha iniciativa da Asociación Cultural Lumieira, preocupada por promover accións que contribúan a trasladar unha imaxe en positivo do concello. Ángeles Ares, representante do colectivo, asegurou que xa hai tempo que bulía en Lumieira a idea de situar en Carballo esta escultura, “como símbolo de fertilidade, de agradecemento á terra na que vivimos e ás xentes que elaboran un produto que mesmo simboliza a loita da humanidade por satisfacer unha necesidade primaria: comer. Trátase de poñer nun pedestal o que mellor nos representa: o pan”, explicou.

Foi tamén Lumieira a que inspirou unha viñeta de Xaquín Marín na que se identifica o pan de Carballo coa bondade, e da que, como sinal de recoñecemento polo traballo que desenvolven, entregarán unha copia enmarcada a cada un dos 20 fornos en activo no municipio.

O alcalde, Evencio Ferrero, destacou na súa intervención o importante papel que xogaron os panadeiros e as panadeiras durante o estado de alarma: “Eles non pecharon, non cesaron a súa actividade, e día a día seguiron dándonos o alimento que precisamos”.

A escultura é obra do artista ourensán Acisclo Manzano, quen participou tamén no acto inaugural. Dixo estar agradecido “e feliz de estar aquí”, pois, engadiu, “eu veño da terra doutro pan, o de Cea, e penso que hoxe convértoos en irmáns”.

E como resultado dese irmanamento, o escultor agarda que “se faga unha festa en Cea con pan de Carballo e ao revés”. Un desexo ao que se sumou o alcalde, quen só tivo palabras de eloxio para o artista. “Acisclo, ilustrísimo creador, artista e escultor galego, forma parte do cumio da sabedoría dos grandes artistas galegos, e para nós é unha honra que forme parte da nosa imaxe”.

Evencio Ferrero agradeceu tamén á Asociación Cultural Lumieira e, en particular a Farruco Fraga, a iniciativa do Monumento ao Pan, co desexo de que esta escultura “nos identifique e represente a todos”.

Farruco Fraga foi o encargado de desvelar o significado da monumento, que “representa á deusa Ceres, que daba orixe aos cereais e ao pan, aos alimentos; as formas redondeadas están identificando o molete carballés e despois está o pobo, o que desfruta dese manxar que é o pan”.

No acto tamén participou o historiador carballés Xan Fraga, quen asegurou que, dende onte, “o pan de Carballo ten un plus que agradeceremos eternamente a Acisclo Manzano”.

Dende o Concello sinalan que aínda que a vila non pode recuperar “os símbolos que nos foron arrebatados en décadas non tan lonxanas, pouco a pouco intentamos encher os baleiros con novos elementos que configuren unha iconografía propia”.

MOLETIÑOS. Á inauguración da escultura, que se demorou no tempo por mor da pandemia, asistiron tamén veciños e veciñas da capital de Bergantiños. O Concello agasallou a cada un dos presentes cun moletiño. Un pan que non só é aprezado pola súa calidade no municipio, senón tamén na contorna.

27 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito