Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Kaldarte anexa á súa exposición a obra de Juan Rivas ‘Pintura no lugar’

Son nove as pezas do artista pontevedrés, que están plasmadas en elementos do mobiliario urbano como sinais e varandas

O artista pontevedrés Juan Rivas vén de finalizar a súa aportación ao festival de arte Kaldarte, que se está a levar a cabo en Caldas durante os meses estivais dende hai xa máis de vinte anos.

Neste caso, a exposición de Juan Rivas está conformada por nove obras pictóricas, baixo o título Pintura no lugar. As pezas, de pequeno formato, atópanse espalladas por diversos elementos comúns do mobiliario urbano, como sinais, varandas ou valos, ó longo de todo o casco urbano caldense para o disfrute dos veciños e visitantes.

Sobre todo, retratou moitos detalles do núcleo urbano, pero tamén espazos naturais como o Monte Xiabre e os ríos Umia e Bermaña. Para o autor estas pezas son “paisaxes conxeladas, sen narratividade”, explica, dunha vila que coñece desde os quince anos.

E é que este artista pontevedrés, doutorado pola Facultade de Belas Artes e que xa leva vinte aos na andaina das exposicións, é un gran admirador da paisaxe de Caldas de Reis, dos seus ríos e tamén da súa contorna.

Como todo o arte que conforma o festival Kaldarte, as obras son de carácter efímero, e durarán o que as inclemencias meteorolóxicas o permitan, xa que se atopan no exterior. Pouco a pouco, irase desgastando a pintura, de xeito que acabe por integrarse no propio soporte e na paixase. Os organizadores do evento destacan que o artista se adaptou perfectamente ao formato da exposición, “traballando en plena rúa, espertando o interese dos veciños e visitantes”, que é un dos fundamentos de Kaldarte.

Rivas define estas obras pictóricas como pequenas ideas sobre a paixase urbana de Caldas “para que non sexa apabullante”. “Vas paseando e fíxaste en detalles, cousas medio escondidas. Nuns detalles da cidade represéntoa a ela. Ao illalo no cadro formulas que é e que parece”, explica sobre Pintura no lugar.

Asemade, tamén quixo facer fincapé con estas pezas do valor do medio, e é que tal e como comenta, para el “a natureza suavízao todo e o verde amortece o impacto de moitas construcións”.

O recibimento das obras de Juan Rivas foi máis que bo, e esta colección baixo o nome de Pintura no lugar non para de recibir eloxios. O propio vicedecano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Javier Tudela, quixo destacar pola súa banda o “acertado” que foi o seu traballo para o espazo público “porque aparece como unha sorpresa, ten un formato humilde e unha gran carga poética que nos fai repensar a nosa mensaxe cunha mirada irónica”.

Para él, Rivas “realiza o seu traballo como un explorador, localizando puntos de vista inusuais sobre os lugares que percorre”, e a súa obra é “como un xogo de espellos entre a realidade e a súa representación no que como espectadores quedamos atrapados”.

Tamén o comisario de Kaldarte, Juanjo Fuentes, quixo amosar o seu bo recibimento a esta nova anexión ao festival. Considera que “a obra de Juan Rivas en Caldas é unha lección de pintura, por encima de todo”, e coida que “o espazo urbano é o novo escenario indómito no que identifica mini escenarios que pasarán a ser referentes dun imaxinario colectivo, que aínda que efémero, ocupará o seu adecuado lugar na memoria”.

DÚAS DÉCADAS. Estas obras adornarán a vila o tempo que o clima o permita, como o levan facendo as de outros trescentos artistas contemporáneos ao longo destas dúas décadas, desde a primeira edición no ano 1998. Para o alcalde da localidade, Juan Manuel Rey, “é un luxo recibir en Caldas tantos artistas que puideron traballar con total liberdade”, explica, “e que nos achegan as súas visións particulares e alternativas do espazo público, enriquecéndoo sen dúbida”.

16 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito