Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lalín Sabe amosa o seu video con Zahera como protagonista

Ademais do cocido, presume de cárnicos, pan, lácteos, licores, castañas ou mel de calidade

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reafirmou onte a aposta da Xunta de Galicia pola promoción e a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos. Fíxoo na presentación da campaña Lalín Sabe, na que estivo acompañado polo alcalde da capital do Deza, José Crespo, e na que salientou a necesidade de “sensibilizar acerca do consumo local” e ao tempo de “percorrer outros camiños e acceder a novos mercados”.

O titular de Medio Rural destacou que “a calidade é unha das características máis salientables destes produtos” xunto coa diversidade e que o feito de manter esa excelencia a través da tradición “di moito dos galegos”.

Cara ó futuro, José González apostou por continuar por este camiño e seguir defendendo a calidade porque, según sinalou, “temos os mellores produtos e a mellor materia prima” e existen ferramentas moi eficaces para a súa promoción a través da marca Galicia Calidade.

Esta aposta, segundo o representante autonómico, é o mellor xeito de fortalecer as economías locais, a economía rural, e ao mesmo tempo, potenciar “que se nos coñeza en todo o mundo, exportando o que mellor nos define, que é a calidade”, engadiu ó respecto.

Nesta liña, o conselleiro trasladou os parabéns ao Concello de Lalín por esta campaña e polo video que a sustenta, que se presentou no citado acto. Neste sentido, dixo que a súa esencia é, precisamente, a “excelencia” dos nosos produtos do agro.

Ademais do cocido típico destas terras, que xa ten unha sona nacional e internacional, o Concello lalinense acolle desde hai décadas a produtores de cárnicos, lácteos, pan, licores, castañas, mel, etc., que convirten a capital de Deza nun referente para o turismo enogastronómico.

Co obxectivo de darlle un novo pulo a estes produtos agroalimentarios, de ensalzar a súa calidade e de proxectalos cara novos mercados, Lalín lanzou en 2019 a estratexia Lalín Sabe en colaboración coa Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Esta acción arrancou coa colocación de diferentes valos publicitarios en distintas zonas da localidade lalinense, apóiase ademais nunha páxina web propia e acompáñase cun video (orientado tamén cara a promoción turística) que onte foi presentado e que está protagonizado polo actor galego Luis Zahera, premio Goya ao mellor actor de reparto polo seu papel na película El Reino.

09 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito