Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
aportación PROVINCIAL. Dezasete concellos recibirán da Deputación 15.000 € e outros catro, contías de entre 7.997 e 14.319 € // Algúns alcaldes califican de moi baixa a axuda da Xunta, que no caso de Rianxo foi de 3.500 € TEXTO F. R. Garabato

Lanzar e manter

Máis de corenta concellos da provincia da Coruña beneficiaranse da liña de apoio á creación e mantemento dos servizos de normalización lingüística á que a Deputación destina un total de 459.707 €. A responsábel da área de Normalización Lingüística, María Muíño, defende o compromiso da institución provincial co galego e a necesidade de fomentar o seu uso desde as institucións.

“Os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza e, polo tanto, poden cumprir un papel esencial á hora de promover o uso do galego. Neste sentido, a Deputación da Coruña mantén o apoio á creación dos servizos de normalización lingüística que dan apoio fundamental aos municipios no seu labor normalizador”, apunta Muíño.

Neste sentido, a liña de axudas contribúe á contratación de persoal especializado nos concellos e á creación de emprego no sector e será tamén de especial relevancia “nun momento como o que estamos a vivir, en que a lingua está a ser tamén unha grande prexudicada da crise provocada pola covid-19”.

O BOP publicou a resolución definitiva da convocatoria coa concesión dos 459.707 euros, cun máximo de 15.000 euros por servizo.

Na zona metropolitana de Santiago, 25 municipios repártense 297.206 €. Reciben 15.000 € A Baña-Negreira, A Pobra, Ames, Boiro, Carballo, Carnota-Mazaricos, Dumbría-Muxía, Fisterra, Melide, Muros, Ponteceso, Rianxo, Ribeira, Rois-Dodro, Santa Comba, Teo e a Mancomunidade de Ordes, mentres que Outes percibe 14.319 €; Noia, 10.816 €; Arzúa 9.074 €; e Oroso 7.997 €.

Algúns municipios contan con dito servizo dende fai máis dunha década, como o de Ribeira, que o ten dende 2005, ou o da Baña, que o creou en 2009 e formou agrupamento con Negreira a partir de 2013. Este último estivo desde o principio e está, neste momento, adscrita a el como técnica María del Carmen Pereiro Felípez. Dentro das funcións de formación, leva colaborando no ámbito de lingua, desde 2013, ca Escola de Adultos de Negreira (entidade colaboradora do IES San Clemente para formar alumnado de ESA), imparte un curso de aprendizaxe de Lingua Galega para inmigrantes e axuda na preparación das probas Celga. En dinamización, ademais das accións dirixidas exclusivamente desde o departamento (Comparte en galego, maratón de contacontos, encontro das escolas infantís, Club Barcalés de Regueifa, Semana Barcalesa das Letras, Circuíto pola lingua, Club de Lectura Barcala en Galego, ruta literaria As rapazas de Xan...) tamén participa en proxectos con outros concellos, como o Club de Debate, Youtubeir@s ou Apego.

Con respecto a este último programa hai que sinalar que dentro da comarca realízanse actividades propias, como Maimiños e Furabolos na Baña, Avelaíños e Rebuldeiros en Negreira ou a Festa do Apego que comparten ambos concellos.

Para este servizo, A Baña conta tamén cunha axuda da Xunta duns 5.000 €, para o salario da técnica.

En canto á localidade de Rianxo, creouse hai tres anos. O ano pasado recibiu tamén 3.500 euros da administración autonómica, “pero este ano vai baixar esa aportación en xeral. É moi pouco en comparación co que otorga a Deputación”, dixo o alcalde, Adolfo Muíños.

NON SE TRATA de afirmar que todos os males teñen solución a golpe de talonario. Pero é certo que as administracións públicas teñen, ademais das tarefas de goberno, outros compromisos coa sociedade. Unha delas é a defensa do patrimonio en todas as súas variantes. No caso da lingua, o noso patrimonio inmaterial máis prezado, son imprescindibles as axudas ós concellos, sobre todo ós máis pequenos, para blindalo das ameazas e promover a súa conservación e o seu uso. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, sinala que “no seu momento, a achega inicial da Deputación Provincial da Coruña foi fundamental para o lanzamento do servizo de normalización lingüística”. O caso e que segue a selo para o seu mantemento, algo que resulta igual de importante.

o protagonista
“débese apoiar todo o que revalorice a nosa fala”
Alcalde de Arzúa José Luis García López

Tamén no Concello de Arzúa leva xa uns anos en funcionamento o departamento de Normalización Lingüística. “O noso idioma é merecedor de todas as iniciativas que se poidan desenvolver para promocionalo e coidalo. Toda axuda é pouca para conservar o maior dos nosos patrimonios inmateriais. As administracións deberían apostar non só por financiar o mantemento dos servizos de normalización lingüística, senón polo impulso de actuacións que revaloricen a nosa fala e animen ao seu uso en todos os ámbitos da nosa vida”, sinala o alcalde de Arzúa, José Luis García.

“Trátase dunha cuestión que non admite retrasos nin recortes. Dado que o financiamento non é especialmente elevado, só nos permite asumir unha parte do custo do persoal que traballa no servizo”, engade García.

Pola súa banda, Teo recibe unha subvención anual desde a súa creación en 2005. Utilízase para o seu mantemento e xustifícase co salario do persoal técnico. Ademais, dispón dunha partida diferente para actividades de normalización de 12.000 euros. “A axuda foi necesaria nun inicio para crear o servizo con persoal e agora serve de contribución para cubrir ese gasto. Ademais recíbese unha subvención da Xunta de Galicia de cantidade variable de menor cantidade”, afirma ó respecto a concelleira de Lingua do municipio teense, María López.

27 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito