Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Licitada a redacción do proxecto da variante de Carballo dende Bértoa

Habilitará unha saída cara Santiago e dará un servizo máis directo ao parque empresarial

Carballo. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da primeira fase da variante de Carballo, que se iniciará na estrada autonómica AC-552, en Bértoa.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou onte a licitación destes traballos por un importe superior aos 170.000 euros. As empresas interesadas en levar a cabo este proxecto teñen de prazo ata o día 23 de xullo para presentar as súas ofertas. O tempo de execución do contrato é de 20 meses.

Para progresar nesta infraestrutura, que servirá de alternativa á estrada AC-552, a Xunta ten proxectada a súa execución en dous treitos, un desde o oeste de Carballo ata a vía provincial que leva a Compostela e, o outro, que é o de saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes. O orzamento estimado das dúas fases é de preto de 28 millóns de euros.

Atendendo á xustificación técnica de cada unha delas, nesta primeira impúlsase o tramo que unirá a estrada AC-552 na súa ligazón en Bértoa coa autovía AG-55, coa estrada AC-413 que se dirixe a Ordes e coa estrada provincial DP-1914, moi utilizada para desprazamentos en dirección á capital de Galicia. O presuposto base de licitación destas obras estímase nuns 15 millóns de euros.

Dende a Consellería de Infraestruturas aseguran que con esta actuación “darase un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade, ademais de evitar o tránsito de mercadorías polo centro urbano da capital de Bergantiños”.

Isto permitirá ademais evitar a circulación dos vehículos pesados nunha zona onde se atopan importantes equipamentos e servizos, como o instituto Alfredo Brañas, o colexio de infantil e primaria Fogar, a escola infantil A Ledicia e un dos complexos deportivos carballeses.

09 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito