Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Licitan a estación de buses de Ribeira e a reforma do colexio Ramón de Artaza, de Muros

Cunha lonxitude de 67,75 metros, a terminal será unha pérgola de 5 tellas xigantes // O centro escolar estará en obras no verán

A xunta de goberno local de Ribeira deu luz verde onte ó expediente de contratación das obras para a construción da pérgola da nova estación de autobuses que, cunha lonxitude de 67,75 metros, servirá de apeadoiro deste servizo de transporte público e está chamada a ser un elemento singular na cidade.

A actuación ten un prezo de licitación de 246.382 € e un prazo de execución de 9 meses. A infraestrutura estará emprazada na avenida do Malecón, fronte á Praza das Heroínas de Sálvora. En breve comezará o prazo para a presentación das ofertas.

Estará conformada por cinco grandes bóvedas en forma de tella de entre 11,56 e 14,91 metros de longo, con alturas que oscilan na parte superior entre os 4,15 e os 4,65 metros. Os arquitectos responsables da mesma, Santiago Rey Conde e Ismael Ameneiros Rodríguez, defínena como “un diseño atemporal, no lineal, con zonas de espera sentadas, espacios abovedados que amplían el espacio, y formas alargadas que permiten proyección a gran cantidad de gente”.

A pérgola estará orientada lonxitudinalmente en sentido norte-sur para minimizar a exposición aos ventos do sur. Ademais, contará con viseiras de protección a leste e oeste que tamén resgardarán fronte aos ventos, ao tempo que ofrecen zonas de espera cubertas para os autobuses.

O proxecto técnico inclúe a introdución de vexetación para a mellora de condicións ambientais e mobiliario urbano que axude a dar carácter e definir os espazos, emprazados sobre unha superficie de 1.300 metros cadrados no remate da vía.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo onte un encontro por videoconferencia coa alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, para informarlle da licitación da obra de rehabilitación integral do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez, por un importe total de 892.379 euros.

Na reunión participaron tamén representantes do equipo directivo e da Anpa do centro escolar e responsables do proxecto técnico.

Está previsto executar os traballos de interior no verán e compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente. As obras teñen un prazo de execución de tres meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As actuacións contemplan unha parte programada de xeito específico para a mellora da eficiencia enerxética do colexio, a través do illamento polo exterior. Ademais, cambiarase a cuberta por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano no edificio principal, na sala de audiovisuais e no comedor, e colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio. Tamén se substituirán as persianas e as caixas das mesmas que se considere necesario por outras de aluminio con illamento térmico interior, e instalaranse novas luminarias con tecnoloxía Led, equipos de regulación e detectores de presenza. Pintaranse asemade os paramentos interiores, renovaranse falsos teitos e reformarase a antiga casa do conserxe para ampliar o comedor.

Ocupará 1.300 metros cadrados a plataforma do futuro apeadoiro da avenida do Malecón
Optimizar a eficiencia enerxética será un dos obxectivos das obras no complexo educativo
29 may 2020 / 03:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito