Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Licitan as beirarrúas e o subministro de auga na rúa Lois Pimentel de Aguiño

Conta a actuación cun orzamento de máis de 84.000 € euros e un prazo de cinco meses

Ribeira. O Concello de Ribeira informou onte do inicio do procedemento da licitación dunha nova actuación consistente na dotación de beirarrúas e auga potable á rúa Luis Pimentel de Aguiño.

Os traballos contan cun orzamento de 84.192 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de cinco meses.

Con eles perséguese a construción de beirarrúas en ambas marxes da vía e a renovación da rede de auga potable. Con tal fin, efectuaranse dúas accións. Por unha banda, para a instalación da rede de subministro de auga, substituiranse as tubaxes existentes por outras de polietileno de alta densidade de 75 milímetros de diámetro (con longos de 253 e 258 metros), realizándose tamén as acometidas ás vivendas.

Por outro lado, no tocante ás zonas de tránsito peonil, serán de formigón pulido de doce centímetros de espesor, cunhas lonxitudes tamén de 253 e 258 metros.

As empresas que estén interesadas en presentarse a este concurso público dispoñen ata mañá, día tres de xuño, á medianoite, para formular as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.

O investimento está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+2019 da Deputación Provincial da Coruña, segundo indicaron ao respecto fontes do goberno local ribeirense. s. s.

02 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito