Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Luz verde ao novo parque comercial na zona da Revolta

Contémplase unha edificabilidade de 28.000 metros cadrados e 281 prazas de aparcamento

A Corporación de Carballo aprobou, por unanimidade, o plan parcial que permitirá a construción dun parque comercial na zona da Revolta.

O proxecto desenvolverase nunha superficie próxima aos 50.000 metros cadrados, cunha edificabilidade de 280.000 m², amplas zonas verdes, 7.600 metros para espazos libres e 281 prazas de aparcamento.

A actuación enlazará ademais co itinerario peonil e ciclista da AC-552 que ten pendente de rematar a Xunta de Galicia e incluirá, a través dun convenio co Concello de Carballo, a construción dunha rotonda de acceso.

Por unanimidade, tamén foron aprobadas tres bonificacións do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) a outras tantas empresas que, en total, realizarán un investimento superior a 1,5 millóns de euros.

O debate xurdiu arredor do expediente de modificación do orzamento municipal por un importe de 1,4 millóns de euros que, segundo o goberno local (BNG), irán destinados ao programa da Concellaría de Promoción Económica para inxectar economía nos sectores obrigados a cesar a súa actividade durante o estado de alarma, así como a atender outras necesidades e impulsar distintos sectores estratéxicos para Carballo a través dunha serie de investimentos en infraestruturas e bens. A proposta non contou con apoio dos grupos da oposición. Os dous concelleiros de Terra Galega, que foron os máis críticos ca mesma, votaron en contra, namentras que os representantes do PP e do PSOE abstivéronse.

Sí houbo unanimidade á hora de respaldar a participación do Concello de Carballo no POS+ Adicional da Deputación da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados do covid-19. Un custe que foi cuantificado en 138.000 €.

Na sesión tamén se recoñeceron obrigas pendentes de exercicios anteriores por importe de 36.356,19 euros, e aprobouse unha rectificación do Inventario Municipal de Bens. A oposición abstívose.

SUBVENCIÓNS. Por outra banda, o Concello carballés abriu o prazo de solicitude das subvencións anuais destinadas a financiar a actividade dos clubs e entidades deportivas que, no caso das destinadas a proxectos de actividade xeral incrementaranse un dez por cento.

A partida total acada os 100.000 euros, e o importe subvencionable será do 70 % do orzamento de gastos, ata un máximo de 20.000 € por entidade. Calquera xestión relacionada coas axudas será atendida polo servizo de Deportes, tanto presencialmente, previa cita, coma por teléfono ou correo electrónico.

Deste xeito, o goberno materializa os primeiros compromisos adquiridos na rolda de conversas coas entidades deportivas para coñecer as súas prioridades.

01 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito