Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 06 agosto 2020
19:32
h
Teñen como obxectivo impulsar actuacións de posta en valor de riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística // Beneficiaranse máis de corenta concellos de Área // Retómase así a liña de subvencións que tivo que ser paralizada

Máis de 900.000 € en axudas para infraestruturas turísticas

A Xunta de Galicia vén de notificar a algo máis de corenta concellos da Área de Compostela que son beneficiarios das axudas destinadas a actuacións de posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do rural, por un importe total superior aos 900.000 euros.

A maior contía corresponderalle aos municipios da área de Santiago (326.000 euros). Na Baña construirán un aparcamento de caravanas en Couto Carballo; en Arzúa mellorarán diversas infraestruturas turísticas no medio rural; en Boqueixón rehabilitarán o Campo do Río de Ponte Ledesma; en Dodro acometarán obras de conservación e restauración do hórreo do arco de Castro; en Frades recuperarán e dixitalizarán a sala etnográfica; en Melide realizarán melloras en Leboreiro e Furelos; en Ordes recuperarán o muíño novo e porán en valor a ruta do río Mercurín; en Oroso revalorizarán a antiga mina de ouro das Grobias; en Padrón instalarán un alumeado ornamental no lugar de Cruces; no Pino sinalizarán os seus recursos e servizos turísticos; en Santiso crearán un miradoiro sobre o río Ulla; en Teo habilitarán unha sinalización interpretativa da ruta da batalla de Cacheiras e instalarán unha pequena área de lecer no percorrido; en Touro desenvolverán unha aplicación de realidade aumentada vinculada ao Camiño, e en Vedra acondicionarán a ruta e unha área de interpretación dos muíños.

Pola súa banda, na Costa da Morte, doce concellos recibirán axudas por un valor total de 239.000 euros. A Laracha investirá a subvención na rehabilitación e mellora da accesibilidade ao entorno turístico de Gabenlle; Cabana instalará paneis de sinalización do dolmen de Dombate; Carballo habilitará unha mesa panorámica accesible no mirador de Vilela; Cee cubrirá os contedores no traxecto do Camiño a Fisterra; Coristanco instalará paneis informativos no espazo natural de Verdes; Dumbría reparará a pasarela de acceso á fervenza do Ézaro; Fisterra balizará o paseo marítimo da praia de Langosteira; Muxía mellorará a iluminación do santuario da Barca; Ponteceso habilitará un aparcadoiro de autocaravanas en Corme; Vimianzo creará unha ruta de sendeirismo polos Penedos de Pasarela e Traba, e en Zas crearán e homologarán a Ruta da Auga.

Na comarca do Barbanza repartiranse 175.118 € en axudas. Boiro adecuará o estacionamento na praia de Barraña e sinalizará o percorrido da Ruta Xacobea Mar de Arousa-Río Ulla; Carnota embelecerá e sinalizará recursos turísticos; Muros mellorará a accesibilidade á praia de Ventín; Noia substituirá o alumeado da igrexa de San Martín; Outes sinalizará recursos naturais e patrimoniais; Porto do Son habilitará aseos adaptados e o servizo de socorrismo na praia de Ornanda, e Ribeira mellorará o acceso a Pedra da Ra.

No Deza, Silleda sinalizará as fervenzas de Santa Mariña e Férveda (27.689 €); A Estrada mellorará a sinalización turística do municipio (30.000 euros) e Lalín instalará iluminación ornamental no Pazo de Liñares (por importe de 27.511 €).

Na comarca de Caldas, o Concello de Catoira creará un itinerario peonil e mellorará a sinalización das Torres do Oeste (22.273 €), e Valga fará accesibles e sinalizará as praias da área recreativa de Vilarello.

a protagonista
“Solicitamos outra para o tramo da ruta de lires”
Image
Margarita Lamela
Alcaldesa de Cee

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, asegurou que as actuacións no seu municipio centraranse no Camiño de Santiago a Fisterra, coa fin de minimizar o impacto visual dos contedores de residuos sólidos ao longo do itinerario polo que pasan os peregrinos cara a fin da terra.

A intención da administración local é recubrilos con madeira. Esta primeira subvención, de 11.364 euros, dedicarana a cubrir os colectores do casco urbano, incluíndo os de Brens e os das rúas da capital municipal ata o enlace ca ruta en Corcubión. O investimento total, contando a aportación local, será de 15.000 euros, segundo sinalou a rexedora ceense.

Por outra banda, indicou que o Concello ten solicitada tamén outra axuda para cubrir igualmente os contedores do lixo ubicados na ruta do Camiño de Fisterra a Muxía, ao seu paso pola parroquia de Lires. De momento, “aínda está por resolver a solicitude”, engadiu Lamela.

Antes da execución dos traballos, o Concello ceense, ao igual que o resto de beneficiarios desta liña de axudas, deberá asinar un convenio coa Xunta de Galicia que lle permitirá axilizar a tramitación.

Deste xeito, segundo sinalan ó respecto desde a Administración autonómica, pactaranse os obxectivos das achegas para adaptalos a cada caso particular en cada municipio, “garantindo así a súa execución”.

{ pasaba por aquí}
Aposta polo rural
Manuel Lavandeira

AS AXUDAS CONCEDIDAS xa estaban previstas para antes da pandemia do covid-19, pero agora están aínda máis xustificadas, xa que o rural está chamado a ser no curto prazo o medio máis demandado polo turismo nesta nova normalidade. Por iso, é moi necesario manter, conservar e pór en valor a riqueza natural, patrimonial e histórica dos diferentes concellos, que é moita e moi variada. Só cabe esperar que este sexa un empurrón máis para axudar a dinamizar económica e socialmente os pequenos municipios e aldeas, vitais tempos atrás, e que teñen agora unha boa oportunidade de recobrar o pulo que nunca deberon perder. Para iso farán falla máis axudas e, sobre todo, políticas que favorezan o desenvolvemento rural.

28 jun 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito