Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melide axudou ó comercio local coa feira de stocks

Durante tres días o cantón de San Roque acolleu stands de negocios da vila, pero tamén animación nas rúas

Durante a fin de semana, os establecementos melidenses sacaron ás rúas os seus stocks de verán a prezos reducidos. O bo tempo axudou a que numerosos veciños se achegaran ata o cantón de San Roque para facer todo tipo de compras, seducidos polos grandes descontos. A feira estivo organizada, como sempre, pola Asociación de Empresarios da Terra de Melide CCA-Asetem, e contou coa colaboración do Concello.

Como cada ano, esta cita, que durou tres días (dende o 7 ata o domingo 9) tivo como principal obxectivo dinamizar o comercio local, algo que agora se está a procurar con máis intensidade debido aos apuros económicos que están a sufrir os pequenos negocios tras o peche obrigado durante o estado de alarma.

Ademais dos grandes descontos, a feira de saldos, que se volveu celebrar no cantón de San Roque e non no Pazo de Congresos e Exposicións, contou con actuacións cada unha das xornadas. O pasado venres a animación de rúa veu da man do grupo O Bringuelo de Arzúa. Xa pola noite, e coincidindo coa programación do Verán Cultural, proxectouse no parque Rosalía de Castro o filme Erosky Paraíso. O sábado, a música tradicional foi a protagonista e non faltou a animación de rúa con zancudos. Houbo asemade un concerto pola noite, con aforo limitado, na Praza do Convento, de Davide&Fransy&Cibrán. Durante a mañá do domingo, último día do II Mercamelide no Camiño, a vila compaxinou as compras coa música tradicional de Carapaus.

SAN ROQUE. O Concello xa ten pechada a programación cultural que porá en marcha durante a semana grande das festas de agosto para dinamizar a vila. Os días 15, 16, 17, 18, 19 e 20 desenvolveranse concertos, obradoiros e pasarrúas. Serán actividades para todos os públicos en diferentes espazos ao aire libre para incrementar a seguridade. Haberá que inscribirse no teléfono 981 505 003 ou a través do emial reservasculturais@concellodemelide.gal.

11 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito