Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melloras viarias na Laracha, Carballo, Camariñas e Muxía

Están en marcha as obras en Cabovilaño // Xa remataron nas rúas da capital de Bergantiños

Aproveitando o bo tempo, moitos dos concellos da Costa da Morte traballan na mellora da súa rede viaria. É o caso da Laracha, onde xa comezou o acondicionamento das estradas de Cabovilaño.

O proxecto contempla dúas intervencións. Unha delas afecta á vía que comunica os núcleos de A Braña e A Teixoeira pasando por A Cacharra. Ademais da mellora do firme, serán acondicionados os sobreanchos. A outra actuación centrarase na mellora do pavimento da estrada no lugar de Os Mouriños, na que tamén se renovará a capa de rodadura.

O orzamento ascende a 75.000 euros, que serán investidos na mellora dos accesos rodados cara eses núcleos de poboación rural e no aumento da seguridade viaria.

Dende a oposición, o BNG demanda o arranxo da estrada que vai desde o lugar do Priorato ata o lugar de Encián e dunha pista forestal, tamén na parroquia de Soandres. Unha demanda que trasladarán ao goberno local en forma de rogo no pleno.

Pola súa banda, o Concello de Camariñas vén de sacar a licitación o proxecto para renovar o camiño dos Mollados, na parroquia de Xaviña. Unha actuación que está valorada en 50.076,55 euros. O plan inclúe o desbroce e limpeza das cunetas e o reasfaltado do camiño mediante aglomerado, así como a instalación dunha rede de saneamento e outra paralela para recoller as augas pluviais.

En Carballo veñen de rematar as obras de reparación das rúas Nébedas, Lirios, Fiúnchos, Xestas e Buxos, que foron afectadas polos desvíos de tráfico durante os traballos de reurbanización da rúa Barcelona e a avenida das Flores. Ademais, o Concello ten aberta a licitación do contrato de conservación, mantemento e reparación da rede viaria municipal por un periodo de dous anos.

E en Muxía, o Concello contratou oito operarios máis para poder acelerar as tarefas de mellora e limpeza de todos os núcleos do municipio.

16 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito