Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Música e obradoiros de Prehistoria no centro arqueolóxico de Dombate

Esgotadas as entradas do concerto inaugural de Ruslan Asanov e Dasha Pankratova

Cabana. O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) inaugura mañá o ciclo Música na Catedral, cun concerto dos violinistas Ruslan Asanov e Dasha Pankratova, que achegarán a música clásica ao xacemento megalítico en homenaxe a Beethoven no 250 aniversario do seu nacemento.

As entradas para esta primeira actuación xa están esgotadas, pero o ciclo continuará en xullo e agosto, no que a música clásica compartirá protagonismo co talento musical da Costa da Morte nos concertos de Alfonso e Hugo Franco (día 31), Fernando Fraga (7 de agosto) e do dúo Caamaño-Ameixeiras (28 de agosto).

Dado que o aforo é moi limitado, farán dous pases, ás 22.00 e ás 23.00 horas, respectivamente. A reserva de debe realizarse no correo: dombate2020@gmail.com, indicando nome e teléfono.

Ademais, esta fin de semana volven os obradoiros de Prehistoria ao Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate con Galipat Servizos Culturais. O sábado, día 18, impartiranse os talleres titulados como As cores de Dombate: pinturas máxicas e Escavación: a vida baixo a terra. O domingo, día 19, haberá outros dous obradoiros: As gravuras da fornella e Azagaias, frechas e arcos, á caza!.

As sesións comezarán ás 11.00 e 12.30 horas, respectivamente, e o aforo estará limitado a dez persoas, aínda que non é necesaria a inscrición previa, segundo informa o Concello cabanés.

16 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito