Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Concello de Ames volve pedirlle a Xunta que retire o valado para urbanizar o centro de saúde

A Consellería de Infraestruturas mantivo unha xuntanza por videoconferencia cos responsables do equipo director das obras de construción do centro de saúde de Milladoiro. A dita xuntanza “non se invitou a ningún representante do Concello de Ames, nin do grupo de goberno nin técnico municipal, de cara a poder expoñer o punto de vista da Administración local”, explican dende o Concello. Para o goberno de Ames “é unha mostra máis de deslealdade institucional á que nos ten acostumada a Xunta de Galicia”.

O centro de saúde do Milladoiro” leva un atraso considerable nas obras de construción, que deberían ter finalizado no pasado mes de novembro, tal e como anunciou o propio conselleiro de Sanidade, na última visita que fixo a Ames”, indican. Daquela, a Consellería de Sanidade afirmaba a través dos medios de comunicación, o 7 de agosto de 2019, que as obras do centro de saúde avanzaban en prazo e a bo ritmo e que se agardaba que en catro meses estivesen rematadas. A realidade é que nove meses despois as obras aínda non acabaron e aínda tardarán cando

menos un mes máis, segundo manifestou hoxe da conselleira de Infraestruturas.

O Concello de Ames solicitou xa no mes de xullo de 2019, a solicitude para realizar a acometida de electricidade, e no pasado mes de agosto de 2019, con rexistro de saída 000/5332, reiterou dita solicitude de acometida para o novo centro de saúde, tal e como se recollía no convenio asinado coa Consellería e que correrían por conta do propio Concello. Foron varios os intentos da Administración local por obter dita información, necesaria para poder orzamentar o proxecto de acometida, en base ao punto de entronque do centro de saúde, o cal experimentou variacións de ubicación nos últimos meses.

Neste sentido, desde o Concello de Ames infórmase que no pasado mes de setembro solicitouse documentación sobre o estado de tramitación do expedienteaberto polo Concello. A empresa subministradora UFD Grupo Naturgy informou por escrito, o pasado 12 de setembro de 2019, que “estamos á espera de que se nos presente o proxecto necesario para continuar coa tramitación da solicitude”, o cal debía ser aportado pola Xunta de Galicia.

No mes de decembro a empresa subministradora informou ao Concello dos problemas existentes, en relación ao proxecto para o punto de entronque das acometidas e o rexeitamento do último proxecto presentado pola Xunta, que tivo que ser rexeitado por incorreccións. Posteriormente, o 3 de febreiro de 2020 en nova comunicación co responsable técnico da empresa subministradora informouse que a situación relativa ás acometidas seguen no mesmo estado á espera do proxecto válido para dar continuidade á tramitación do expediente, sen que se adiante solución técnica ao Concello para poder realizar as obras de acometida. Finalmente, na semana do 10 de febreiro do presente ano é cando por parte da Xunta se presenta o proxecto validado, cun atraso considerable e con cambios dos puntos de entronque das acometidas con respecto ao proxecto inicial.

A partires de aí, o Concello queda á espera da autorización por parte das empresas subministradoras, o cal non chega ata o pasado 13 de marzo, onde se indican os puntos exactos e remítense orzamentos correspondentes. Así, o Concello de Ames ao longo do período de estado de alarma decretado xusto no mesmo momento, traballou na obtención de orzamentos para as acometidas correspondentes e aprobou as retencións de crédito necesarias para a cometidas das obras, que na actualidade están pendentes dos contratistas e se iniciarán en breve, dando continuidade ás xa realizadas para o saneamento e abastecemento, e apertura de rúas, que desde o pasado 2019 están rematadas e pendentes do asfaltado.

Aínda así, o Concello de Ames seguirá tendo pendente a urbanización da parte frontal que dá acceso ao centro de saúde, ao non poder traballar na mesma mentres non se retire o valado de obra existente. Nesta liña, o Concello remitiu escritos á Xunta de Galicia en varias ocasións desde o pasado ano para a retirada do valado sen recibir contestación ao respecto e estando a mesma instalada na actualidade. O alcalde de Ames e concelleiro de Urbanismo, Jose Miñones, afirma que “o Concello non pode ter máis axilidade para o remate da parte comprometida mentres a Xunta non cumpra coas súas obrigas. É unha mágoa atopar declaracións como as

feitas hoxe pola conselleira que nada aportan e amosan un descoñecemento total dos antecedentes e incumprimentos da Administración autonómica”. Para o goberno municipal “querer xustificar o atraso das obras do centro de saúde de Milladoiro botando balóns fóra por parte da conselleira de Infraestruturas di moi pouco de quen fai ditas declaracións, así como pretender usar isto politicamente pensando na campaña electoral de xullo. Nestes intres o prioritario son outras cousas e desde o Concello de Ames desexamos que o novo centro de saúde estea

o antes posible pola súa necesidade”.

18 may 2020 / 17:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito