Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Pino busca axudar con cen mil euros ós autónomos

Levará ao pleno a proposta de outorgar ata 1.200 euros a cada traballador afectado polo covid

A crise sanitaria afectou gravemente á economía das pequenas empresas e dos negocios locais. Obrigados a pechar durante case tres meses, agora que están abertos enfróntanse a un futuro moi incerto e, en moitos casos, son incapaces de asumir os gastos de tantos días sen actividade. É por iso que a maioría dos concellos da área metropolitana de Santiago están a buscar solucións para axudar aos hostaleiros e aos comerciantes das súas zonas.

O Concello do Pino está moi implicado en apoiar ós negocios locais. De feito, o equipo de goberno vén de anunciar que vai levar unha proposta ao pleno ordinario que se celebrará o martes 30 para destinar ata 100.000 euros para axudas directas aos autónomos ou pequenas empresas con menos de dez traballadores que tiveran que pechar os seus negocios polo decreto de estado de alarma do 14 de marzo debido á pandemia do covid-19.

Para destinar estos apoios a paliar as perdas económicas provocadas pola crise sanitaria no pequeno comercio e entre os autónomos do Pino, o equipo de goberno propón aprobar unha ordenanza que “permitirá destinar un máximo de 1.200 euros a cada traballador con licenza de actividade que se vise obrigado a pechar o seu negocio”, explican fontes municipais.

Esta medida para reactivar a economía está destinada ás persoas autónomas empadroadas no municipio, que poderán recibir un máximo de 1.200 €. A proposta contempla unha axuda de 600 euros (200 euros mensuais durante tres meses) para compensar o custo do aluguer, e outros 600 € (200 mensuais durante tres meses) para pagar a cota de afiliación á Seguridade Social.

As pequenas empresas ou sociedades con formas xurídicas na que participen varios autómomos, só poderán recibir unha. O mesmo ocorre no caso daqueles que teñan alugados varios locais, que só poderán percibir unha axuda.

Segundo estimacións do alcalde, Manuel Taboada, esta medida “pode beneficiar a un cento de traballadores autónomos e pequenos empresarios do municipio”, sentencia.

Hai que lembrar que o Concello tamén editou un vídeo para apoiar ao comercio no que os empresarios, comerciantes, hostaleiros, agricultores e veciñanza relatan a importancia de apostar polo produto de proximidade, e colocáronse dispensadores de xel nos negocios.

24 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito