Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Outes licita as melloras do Paseo Ponte Nafonso e da rúa da Capela

Vainas financiar a Deputación con 421.833 € // Asfaltaranse tamén outros dezaoito viais

O Concello de Outes vén de licitar seis obras que serán financiadas integramente pola Deputación da Coruña a través do Plan Único. As actuacións, que suman un investimento de 421.833 €, contribuirán a renovar numerosas infraestruturas municipais e inclúen a pavimentación de varios núcleos, camiños, pistas e estradas locais. O prazo de presentación de ofertas acaba o 4 de xuño.

Polo seu importe (136.848 €) destaca o proxecto de humanización da rúa da Capela, unha das principais do núcleo urbano da Serra de Outes, onde se atopan a casa consistorial, a casa da cultura ou o centro de saúde.

Os traballos teñen por obxecto a mellora funcional dun tramo de 130 metros da rúa dende o entronque coa estrada provincial DP-3404 para dotala dun carril de tres metros, banda de aparcamento de dous metros con dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e beirarrúas de tres metros en ambas marxes.

Tamén se contempla a dotación de novas redes de saneamento e abastecemento de auga, así como a instalación de mobiliario urbano.

Asimesmo, levaranse a cabo tarefas de mellora no paseo Ponte Nafonso, onde se desmontará a varanda actual (moi deteriorada) para substituíla por outra nova de madeira, con anclaxe metálico ao pavimento e cunha extensión de 629,5 metros. Tamén se instalarán no paseo novos bancos de madeira con estrutura de fundición.

O Plan Único permitirá tamén acometer a pavimentación e mellora de 18 estradas e camiños municipais en varias parroquias do concello.

Entre elas atópanse o camiño da fonte en Lestaio (Valadares); a estrada municipal a Loureiro (Cando); o acceso a Buiste, á Carballeira de Lucas e Nave do Cruceiro (San Ourente); o camiño da Costa da Mina (Outes); a pavimentación de diversos viais na localidade de Tarás ou a mellora da sinalización nos acesos á praia de Broña.

O alcalde outiense, Manuel González, sinalou que “trátase de investimentos importantes que avanzan no proceso de humanización da vila da Serra e, no caso do Paseo Ponte Nafonso, tamén no mantemento de infraestruturas existentes”.

26 may 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito