Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Padrón enche cunha amplia oferta cultural o oco deixado polas festas

Abren coa iniciativa ‘Astronomía nas Rutas Xacobeas’ o programa que inclúe música e teatro

O Concello de Padrón vai cubrir o oco que deixa a suspensión das festas cunha variada oferta cultural. Para elo, deseñou un programa de actividades para o mes de xullo no que priman as normas da nova normalidade para garantir ao máximo a seguridade da cidadanía. A concelleira de Cultura, Lorena Couso, explicou que “dende o goberno local estamos buscando as mellores opcións de ocio, pero sempre priorizando a súa seguridade. Trátase dunha situación inédita, e hai que extremar as precaucións”.

Así, a programación abrirase o venres 17 coa actividade Astronomía nas Rutas Xacobeas,unha iniciativa na que tamén están implicados Xunta de Galicia, Xacobeo e Universidade de Santiago, consistirá na observación astronómica nocturna dende o Campo do Souto.

Xa o domingo 19 de xullo, as 17.45 horas, o equipo Stellae St. Petroni xogará o Play Off de ascenso a segunda división nacional B no Polideportivo Municipal de Padrón. O partido xogarase a porta pechada, pero retransmitirase en streaming a través da canle de Youtube da Federación Galega de Fútbol.

Dende o luns 20 de xullo ata o xoves 23 haberá actuacións teatrais no Campo de fútbol do Souto ás 21:30 horas. Nestas sesións Baobab Teatro, Talia Teatro, Caramuxo Teatro e Redum Teatro representarán Ris Ras, Voa Voa, Pavillón Liño e A nena que quería navegar. O xoves, ademais, tamén se presentará ás 21.00 horas no auditorio o libro Inchadiña branca vela de Eduardo Rivo. No caso de que chova, a actividade trasladarase á biblioteca do Convento do Carme.

O venres ás 19.30 horas poderase desfrutar de Inchadiña branca vela no paseo do Espolón e ás 21.30 Písco representará Concerto Confusión no campo de fútbol do Souto. E, posteriormente, as 23.00 horas as rúas de Padrón vibraránn ao ritmo das charangas O Santiaguiño e Os Celtas.

O venres 24 e o sábado 25 de xullo tiveron que suspenderse os concertos e outra actividades previstas como a carreira de burros ou as organizadas por Asnot e Open Air en colaboración co Concello para a tradicional festa do Santiaguiño. De todos xeitos, o sábado celebrarase igualmente a procesión coa imaxe do Santiaguiño a partir das 11.00 horas, despois das bombas de palenque. Os grupos de gaiteiros O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía e A Arreixeira acompañan á procesión. Posteriormente, ás 12.00 horas, de volta na igrexa parroquial celebrarase a eucaristía. Tras finalizar, os grupos folclóricos percorreran as rúas de Padrón coa súa música. Pola súa parte, a Asociación Cultural Asnot promoverá actividades online.

O broche final a este programa de xullo correrá a cargo da Banda de Música que ofertará un concerto o domingo 26 no Campo do Souto a partir das 20:30 horas.

Todas as actividades teñen o aforo reducido.

11 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito