Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Padrón lanza a nova campaña de promoción do comercio municipal

Repartiranse 3.000 bolsas de tea entre a clientela baixo a nova imaxe de marca

Padrón. O Concello de Padrón vén de pór en marcha unha campaña para promover o comercio local e o turismo baixo a súa nova imaxe de marca Padrón, camiño e destino. Como parte da iniciativa, aqueles comerciantes que o desexen poderán participar no reparto de 3.000 bolsas de tea reutilizables customizadas co novo logotipo.

Tal e como explicou a concelleira de Turismo, Lorena Couso, as bolsas “seranlle agasalladas a aqueles clientes que fagan unha compra mínima nos locais que se adhiran á campaña”. Búscase, deste xeito, dar máis visibilidade e espallar o coñecemento sobre esta iniciativa, que busca “promover o turismo de proximidade e reforzar a confianza do público nun destino seguro, atractivo e libre de coronavirus”, segundo indica o concello.

Tamén se apoiará ao comercio local cunha campaña audiovisual difundida a través das redes sociais. Nos vídeos que a confirman, son os mesmos comerciantes padroneses os que animan ao público a contribuír cos establecementos do municipio poñendo en valor os seus podrutos. “Unha promoción que acompañaremos cunha actuación de embelecemento do casco histórico, cuns pasos de peóns nos que se promovan produtos tan nosos como o pemento”, engadiu a concelleira de Turismo. “Pequenas iniciativas coas que buscamos reactivar un pouco todos os sectores”, sentenciou.

A CAMPAÑA Esta iniciativa está incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola concellería de Turismo para os anos 2020-2021, atendendo ao Plan de Acción Padrón 2017-2022. Ademais na nova imaxe de marca ‘Padrón, camiño e destino’, a campaña conta con varias propostas para incrementar as visitas e o comercio local.

Destaca a creación dun portal web na ligazón www.padronturismo.gal, que servirá como soporte para a campaña e que incluirá información sobre eventos, comercio, gastronomía, turismo natureza, etc. Pero ademais conta cun espazo ou marketplace reservado para que os distintos establecementos do municipio que así o decidan publiquen e den visibilidade aos seus produtos. Todo parte dunha campaña centrada en revitalizar os motores da vila. N. vázquez

13 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito