Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Nunha versión reducida e adaptada ao contexto de pandemia actual, a celebración contará con actuacións musicais, teatro e relixión // As actividades comezarán mañá, ás 22.00 horas no Campo do Souto, nunha gran gala con dezaoito artistas

Padrón recupera a tradición da súa Festa do Santiaguiño

Padrón recupera esta fin de semana a súa Festa do Santiaguiño. Cunha versión reducida, adaptada a situación de pandemia, os veciños e veciñas poderán desfrutar de novo dun evento que estará protagonizado polas actuacións musicais, o teatro e a relixión. Non haberá subida ao monte desta vez, pero si moitos outros actos para celebrar, mantendo sempre a seguridade, esta tradición.

A actividade festiva arrincará mañá venres coa gran gala musical, no Campo do Souto, Galicia, Camiño das Estrelas. Dezaoito artistas actuarán dende as 22.00 horas, nunha cita que contará co aforo limitado. Ademais, na mesma noite, a praza de Macías estará ambientada cos acordes de Mad Martin Trio, que tocará dende as 23.00 ata as 00.30.

Xa na xornada do sábado, ás 12.00 do mediodía, Suso Martínez realizará unha visita guiada teatral, Chronicón Iriense, que irá dende a igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia ata Padrón. Posteriormente, ás 13.00, oficiarase a tradicional Misa do Peregrino, coa entrega do galardón “Padrón, Berce do Xacobeo”, como peregrino de honra, a Xesús Palmou Lorenzo, director da Academia Xacobea.

Na sesión vespertina, sobre as cinco, aproximadamente, o paseo do Espolón recibirá a comitiva do remonte das Dornas Inchadiña Branca Vela, organizada pola Fundación Rosalía de Castro, e que partirá dende a praia fluvial de Vilarello (Valga). A continuación, ás 19.00 horas, a praza Macías servirá de recinto para a actuación do grupo de música popular de Braga, Canto d’Aquí, significando o peche das converxencias Galicia-Portugal que tiveron lugar neste verán cultural padronés.

Tamén no plano artístico, celebrase a Asnot Garden Party. A Raíña abre as portas dos seus Xardíns de Palacio, dende as 16.30, para “convidar” á súa comunidade a un picnic caritativo durante unha relaxada tarde estival bañada con música, teatro e outras sorpresas. Mentres tanto, o fin de festa do día correrá a cargo de The Lákazans, das 23.00 ás 00.30, no Fondo de Vila.

Por último, o domingo, os grupos folclóricos do concello percorrerán as prazas e rúas da vila, nun pasacalles que se prolongará durante dúas horas. Nesta ambientación musical, que corresponderá co último acto da celebración, participarán a AC Rosalía de Castro, a Agrupación O Pedrón e os grupos San Pedro de Carcacía e A Arreixeira.

22 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.