Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Son todas obras de artistas da Costa da Morte // Pintura, escultura, fotografía, madeira, cerámica, ilustración, reciclaxe, xoiería, papiroflexia e moda teñen cabida na colección #CorentenaCreativa // As pezas serán expostas na galería de Cee

Poxa de trinta e cinco pezas de arte inéditas na galería Stoupa

A corentena non foi impedimento para que os artistas da Costa da Morte mantivesen activa a súa creatividade. A galería Stoupa, de Cee, propúxolle a trinta e cinco dos seus colaboradores máis emblemáticos que durante o seu confinamento creasen unha peza artística para participar nunha exposición colectiva “que servise para lembrar, reflexionar ou opinar sobre os momentos excepcionais que todos estamos a vivir”, asegura Begoña Fernández Paz, xerente do espazo de arte.

O resultado é a colección #CorentenaCreativa, unha mostra de 35 obras de arte únicas das máis variadas disciplinas, que serán poxadas por Stoupa e expostas ao público na galería ceense durante os meses de verán. Poderán contemplarse de martes a sábado, polas mañás de 11.00 a 14.00 horas, e polas tardes con cita previa chamando ao teléfono 661 436483.

As obras pictóricas foron aportadas por Yano Yoro, Fernando Rei, Marinna Mouzo, Xoanxo Cespón, Teresa Candal, Mighel FK, Catro Raposos, Xosé Iglesias e Vikttória Szabo. Pola súa banda, Viki Rivadulla, Guillermo Lourido, Nando Lestón, Anxo Cousillas, Luís Ares e María Lema crearon esculturas, e Marcos Rodríguez, Lucía Costa, Santiago Garrido, Mar Cerviño, Jacobo Ortuño e Jorge Parri expresaron a súa arte a través da fotografía.

Na colección tamén destacan as cerámicas de Nacho Porto, Carmen Labrador, Nano Unzueta, Eloy Mancebo, Obradoiro Gorín, Aparicio Añón e Xaime Piñeiro. Complementan a variada produción artística as ilustracións de Mon Lendoiro, a reciclaxe creativa de Ali Vava e Gypsea Creations, a xoiería de Isabel Andrade, os traballos de papiroflexia de Mimadriña, as tallas en madeira de Frank Buschmann e a moda de Jessica Coiradas.

Os interesados poden poxar por cada unha das obras presencialmente en Cee e tamén telematicamente a través da páxina stoupa.gal ou nas redes sociais da galería en Facebook, Instagram e Twitter. Cada unha das ofertas será notificada ao autor da obra, que decidirá se adxudica a peza nese momento ou desexa que continúe a poxa.

Actualmente xa están expostas na galería ceense 22 das trinta e cinco pezas da colección. As trece restantes aínda están en fase de execución e irán chegando nos próximos días a Stoupa a medida que os seus creadores as rematen.

A poxa comezou a finais do mes de xuño e, das 22 que están expostas, unha delas xa foi adxudicada e outras oito pezas teñen unha primeira oferta.

Para poder participar na poxa online hai que entrar na ligazón stoupa.gal/eventos/corentenacreativa. Aí aparecen, xunto ao prezo da última poxa para cada unha das pezas, os detalles pormenorizados de todas as obras, con fotografías, descricións, dimensións, formas de elaboración e mesmo cun texto de cada autor explicando a súa obra.

EVENTO FESTIVO. Todas as creacións artísticas poderán contemplarse na exposición que estará aberta ao público todo o verán nas salas da galería Stoupa, de Cee. A mostra será clausurada, se as circunstancias o permiten, “cun evento festivo moi especial que reunirá á inmensa maioría dos artistas participantes, o sábado 25 de setembro”, afirma Begoña Fernández.

A partir desa data entregaranse as obras poxadas aos seus adxudicatarios coa correspondente documentación que certifica a autenticidade da peza e a súa data de creación.

Lembrar que a galería-tenda turística Stoupa está ubicada no número 23-B do Campo do Sacramento, en Cee. Quenes desexen coñecer máis polo miúdo o seu labor e a variada oferta artística poden consultar a súa páxina web: stoupa.gal.

11 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito