Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Catro das seis propostas creadas polos embaixadores junior de Camariñas foron as máis valoradas no concurso de Europe Direct A Coruña // Deseñaron tamén dous xogos, un deles inspirado na Oca, coa Caramiña na casilla de saída

Premio europeo para o Pedra da Aguia polo vídeo ‘Canicas’

O pasado sábado, día 9 de maio, celebrouse o Día de Europa e, a pesares da crise sanitaria provocada polo covid-19, os embaixadores junior do IES Pedra da Aguia, de Camariñas, non deixaron de exercer o seu labor dende as súas casas.

Ao longo da semana presentaron innovadoras propostas para axudar a coñecer mellor a Unión Europea e reforzar o sentimento comunitario. Unha creatividade e un esforzo que se viu recompensado co primeiro premio do concurso convocado por Europa Direct A Coruña, no que, ademais, as catro creacións máis puntuadas son obra dos estudantes do instituto camariñán.

O traballo gañador foi o vídeo titulado Canicas, unha proposta de viaxe virtual por Europa ideada por Laura Sar, Noa Tedín e Andrea Rial, alumnas de 3º da ESO e embaixadoras junior da Unión Europea. Acadaron un total de 860 “me gusta” no espazo de Europa Direct A Coruña en Facebook, a través do cal se desenvolveu o certame.

A segunda idea máis valorada foi a interpretación a piano da Oda a la Alegría, de Beethoven, a cargo da estudante Alba González, e a terceira que máis gustou foi a mensaxe solidaria dos xoves con Europa, de Ariadna Martínez. Daniel Eiranova acadou o cuarto posto cunha composición monetaria coa mensaxe “EU amo a UE”.

O profesor e coordinador da Escola Embaixadora do IES Pedra da Aguia, Jacobo Santos, amosou onte a súa satisfacción por este novo recoñecemento europeo que, asegura, “é un premio ao esforzo, á entrega, á implicación, ao interese e a emoción que puxeron os nosos embaixadores junior”.

Entre as iniciativa creadas polos estudantes camariñáns para celebrar o Día de Europa destacan tamén dous xogos: o Eurogame, que consta de 24 preguntas formuladas nas vinte e catro linguas oficias da UE, e unha Euroca, unha orixinal réplica da tradicional Oca, coa Caramiña -a mascota dos xoves embaixadores- na casilla de saída para percorrer todos os países europeos, as institucións comunitarias, os símbolos da UE e mesmo o Brexit e o Covid.

Unha orixinal Euroca na que, ademais da imaxinación dos estudantes e do seu coordinador, tamén tivo unha importante participación do profesor de Plástica, Javier Brey, quen co seu bo facer plasmou no popular xogo as principais iconas de Europa e mesmo temas de actualidade como o Brexit e o covid-19, “facendo incluso el algúns dos deseños a carboncillo”, segundo Santos.

Cando se supere a crise sanitaria, o obxectivo da Escola Embaixadora é elaborar unha xigante Euroca en lona, que se poida pregar para levala e presentala nas institucións comunitarias e convidar a xogar a todos os que o desexen “cun dado xigante e inflable”, que tamén teñen xa proxectado para facelo realidade.

Iniciativas todas elas que forman parte dos “traballos que lles encarguei aos alumnos como alternativa ás actividades que tiñamos programadas para celebrar o Día de Europa e que non poidemos desenvolver por culpa do coronavirus”, sinala Santos.

VIAXE. De feito, a pasada fin de semana ían participar xunto con outros embaixadores junior nun encontro comunitario en Bruxelas. No poido ser, pero para demostrar o seu compromiso coa UE crearon un total de 30 orixinais propostas á espera, con ilusión, de poder ter unha nova oportunidade de xuntarse o vindeiro ano.

Aínda que nesta ocasión no poideron levar o seu talento ao corazón de Europa, o seu bo facer sí que chegou aos eurodeputados galegos e a varias institucións da Unión Europea, “que as solicitaron pola súa orixinalidade e creatividade”.

11 may 2020 / 20:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito