Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reciclaxe orgánica en 877 fogares de Carballo e Laracha

Na capital de Bergantiños arrincará o día 20 a recollida // Queren sumar a dúas mil familias

Os concellos de Carballo e A Laracha son os primeiros e, de momento os únicos da Costa da Morte, en sumarse ao proxecto Ti tes a chave para a recollida selectiva dos residuos orgánicos, e xa contan con 877 familias adheridas á iniciativa.

Na capital de Bergantiños son 400 os fogares e grandes produtores que reciclarán a quinta fracción do lixo. A recollida selectiva arrincará o día 20 deste mes coa instalación dos colectores marróns en toda a zona urbana.

Onte recolleron novas altas nunha carpa informativa instalada polo Concello na rúa Coruña, aproveitando a celebración do mercado. O xoves que vén repetirán e tamén os domingos de feira, pero os interesados poden apuntarse igualmente de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, no local de Carballo Limpo situado no edificio da antiga Casa do Chino, no número 34 da rúa Desideiro Varela.

O obxectivo do Concello carballés é xuntar “2.000 familias comprometidas co medio ambiente” para poder acadar o reto fixado pola Unión Europea de que este ano se recicle o 50% dos residuos urbanos. Co documento de adhesión entregan a cada fogar un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e unha chave para abrir o contedor marrón.

Cabe lembrar que Ti tes a chave naceu no barrio carballés da Milagrosa como un proxecto piloto, que agora se estenderá a toda a zona urbana da capital carballesa.

Pola súa banda, no Concello da Laracha, que foi o primeiro de Galicia en poñer en marcha a recollida dos residuos orgánicos dos veciños que residen nos núcleos urbanos de Paiosaco e Caión, na capital municipal e na urbanización Monte Claro, contan con 477 familias e 42 grandes produtores dados de alta no programa.

Nos primeiros cinco meses de funcionamento do servizo (entre febreiro e xuño) foron recollidas 32,28 toneladas nos colectores marróns e trasladadas a Sogama para convertelas en compost de calidade. Unha reciclaxe que permite tamén reducir as emisións de CO2 e os custes dos servizos municipais de recollida do lixo, xa que o canon que cobra Sogama por tratar esta fracción é máis barato que o da bolsa negra.

Dende a empresa resaltan ademais o bo uso do servizo que está a facer a cidadanía larachesa, pois soamente o 4% da materia depositada nos contedores da quinta fracción eran residuos impropios.

Coa fin de seguir sumando voluntarios, hoxe haberá un posto informativo na Praza do Concello da Laracha, de 10.30 a 13.30 horas para facilitar os trámites a todas as familias que queiran darse de alta. A inscrición tamén se pode facer no concello, cubrindo o formulario dispoñible na web local (alaracha.gal).

10 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito