Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reforzo preventivo e melloras en seis centros carballeses

Investidos máis de 118.000 euros // O reto é que estén a punto para a prevención do covid

A Concellaría de Educación de Carballo reforzou este verán os labores anuais de posta a punto dos centros escolares para contribuír á prevención do covid-19, incluíndo accións de desinfección, desinsectación e desratización en todos os colexios e escolas unitarias. A maiores limparon os areeiros e reforzaron os controis da calidade da auga que realizan ao longo de todo o curso.

Ademais, o Concello acometeu outros traballos a proposta dos equipos directivos dos centros educativos, como a apertura dunha nova porta de acceso ao CEIP Bergantiños, que deste xeito contará con entradas diferenciadas para o alumnado de infantil e de primaria como unha medida máis de prevención fronte ao coronavirus.

Nesta actuación colaborou o alumnado dos cursos de formación ocupacional que se imparten no Fórum carballés, que ademais fixeron un novo portalón para o colexio Nétoma-Razo.

Pola súa banda, no CEIP Xesús San Luís Romero, que xa introduciu o ano pasado o uso de zapatillas entre o alumnado de Infantil despois da instalación de tarima flotante nas tres aulas, amplíase este ano a medida á aula de música e á biblioteca, “favorecendo deste xeito que a rapazada use un calzado diferente dentro e fóra do colexio”, sinalan fontes municipais.

Unhas actuacións que, engaden, forman parte das peticións de arranxos, melloras ou investimentos que recolle todos os anos a fin de curso a Concellaría de Educación, e que, “no caso daquelas de maior envergadura, vanse acometendo en función da dispoñibilidade económica”.

Nestes momentos están en marcha dous proxectos que supoñen un investimento superior aos 100.000 euros. Por unha banda están a traballar nas obras de reforma do pavillón polideportivo do CEIP Fogar coa finalidade de mellorar a accesibilidade e a seguridade dende a rúa, ademais de aproveitar un espazo libre entre a edificación e o muro de peche para a creación dun novo acceso, e tamén almacéns.

Por outra banda, ademais de atender a devandita demanda da comunidade educativa, este curso tamén se dará resposta á petición do CEIP A Cristina, “que moi pronto contará con novos aseos no pavillón”, sinalan dende o goberno local.

Tamén os nenos e nenas que se incorporen esta semana ás aulas de Cances atoparanse cunha escola completamente distinta tras a reforma integral que veñen de acometer, como xa puideron comprobar a concelleira de Educación, Mar Eirís, e o edil de Obras, Luis Lamas, que se achegaron ao centro para ver o resultado das obras.

Investiron case 18.000 € na retirada da cortiza das paredes, a instalación de material illante, a pintura, o cambio de solo e eliminación de barreiras no acceso á aula.

09 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito