Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reivindican cun aquelarre protección para o patrimonio e as lendas do Monte Neme

Carballo. Medio cento de persoas e meigas xuntáronse no cumio do mítico Monte Neme para reivindicar cun aquelarre as súas lendas e o seu patrimonio, ao tempo que denunciaron a situación de abandono “á que se lle suma a nova ameaza dos eólicos”, aseguran desde a plataforma pola defensa do referido espazo natural.

No crómlech, as meigas fixeron o seu conxuro no que botaron un meigallo. Posteriormente, a meiga maior, encarnada este ano pola poeta carballesa Rosalía Fernández Rial, presentou en exclusiva o seu novo libro que ten por título Árbores no deserto. Nel fala de mulleres que, como as meigas, cun espírito indómito, foron a voz do poder da muller no seu contexto histórico. O evento pechouse coa actuación do grupo de música tradicional Seis Reás.

A Plataforma pola Defensa do Monte Neme foi constituida cos obxectivos principais de posta en valor, preservación e protección do patrimonio nos seus aspectos cultural, ecolóxico, lúdico e paisaxístico, a promoción de aproveitamentos económicos sostibles e tamén a divulgación do coñecemento do espazo que lle da nome.

Ademais de organizar diversas actividades lúdicas, culturais e informativas ao longo do ano, o colectivo promoveu o pasado día 20 unha reunión informativa na que os seus membros ofrecéronse á veciñanza para coordinar un movemento de oposición ao proxecto de instalación dun parque eólico nas inmediacións do Monte Neme, que é unha das iconas da comarca de Bergantiños. M. L.

29 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito