Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Restauran a Fonte das Palmeiras, que cumpre un século

O Concello procedeu á montaxe da réplica do farol modernista e mellorou o granito e a talla

O Concello de Caldas de Reis procedeu á montaxe da réplica do farol modernista da Fonte das Palmeiras que, xunto cos traballos de substitución e mellora das instalacións e do granito, culminan as obras de restauración deste elemento referente do complexo da Praza das Palmeiras. A actuación tivo un orzamento total de 22.937,68 euros e foi subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Programa de rehabilitación do Patrimonio Cultural Histórico.

As obras foron realizadas polo restaurador Guillermo Rodríguez e deron comezo en marzo, aínda que se viron paralizadas durante varias semanas por mor da pandemia da covid-19.

Esta acción forma parte do programa municipal Fontes do Camiño mediante o que o Concello está a recuperar todas as fontes históricas que se atopan ao longo do Camiño de Santiago no termo municipal de Caldas de Reis e co que xa se rehabilitaron a Fonte da Burga (1881), a Fonte da Praza de Abastos (1929) e a Fonte do Campo da Torre (1861), mentres que a Fonte de Tibo (1880) está programada para os vindeiros meses.

A fonte farol das Palmeiras é de estilo tardo-historicista e está inventariada no Catálogo do Patrimonio Cultural de Caldas de Reis. Ten dous tanques xemelgos e esculpidas as letras “CR” (en referencia a Caldas de Reis), así como o escudo do municipio e o ano de construción. Trátase dun elemento de linguaxe formal ecléctica construído en 1920, polo que cumpre este ano o seu cen aniversario.

Os traballos de restauración afectaron aos diferentes elementos e patoloxías identificados no proxecto elaborado polo arquitecto Luis Gil Pita que xa dirixiu as obras de restauración anteriores das outras fontes de Caldas.

Deste xeito, levouse a cabo a limpeza en seco das xuntas de cantería de granito, a eliminación manual dan costra bioxénica mediante tratamento biocida, o saneado e achado da fábrica de cachotería, o enxerto de molduras de granito e a restauración da cantería desaparecida. Tamén se substituíron as tubaxes de latón e restauraranse as barras de ferro, ademais de renovárense as instalacións eléctricas e de fontanería.

A mencionada recuperación do farol artístico que coroou a fonte foi un dos elementos máis destacados desta actuación. O novo farol fabricouse artesanalmente por Monroy Proyectos Iluminación mediante técnicas de restitución fotogramétricas, reconstiuindo fielmente as dimensións e as características dos tres brazos orixinais, así como as correspondentes lámpadas. Isto permitiu recuperar a volumetría orixinal e a lixeireza deste elemento patrimonial, así como a súa dobre función como fonte e farol. A iluminación prodúcese con diodos LED de luz cálida e 40W, simulando luz incandescente da época.

13 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito