Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ribeira prosigue coas obras de seguridade viaria no polígono

Proseguindo con actuacións anteriores destinadas a aumentar a seguridade viaria no polígono de industrial de Xarás, o goberno local de Ribeira vai proceder a executar unha nova intervención consistente na pavimentación do vial e beirarrúas dunha zona deste parque empresarial, segundo a información facilitada onte polo Concello.

Segundo explican, o tramo onde se centra a actuación, emprazado na avenida Ramiro Carregal Rey, ten beirarrúas construídas en formigón en masa que se atopan bastante deterioradas, ao igual que a calzada.

Por tal motivo, os servizos técnicos elaboraron un proxecto técnico que inclúe a pavimentación das beirarrúas mencionadas cunha capa de formigón de 15 centímetros de espesor cun mallazo de 15x15 centímetros de 6 milímetros de diámetro, en tanto que a calzada será asfaltada con aglomerado en quente. Os traballos concluirán co

pintado do vial.

Indicar que a actuación comporta un investimento de 116.528 euros, dos cales o 80 por cento (92.223 euros) proceden dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para a habilitación e mellora de infraestruturas para parques empresariais que onte o departamento autonómico comunicou ao Concello.

CURSOS Por outra banda, o Concello de Ribeira informa de que a partir do vindeiro luns 13 de xullo calquera veciño maior de 16 anos ten a posibilidade de realizar algún dos cursos online gratuítos da segunda quenda do chamado plan Ribeira Academy. Trátase de formación por Internet en 500 especialidades posibles, que busca que os participantes poidan adquirir novos coñecementos e habilidades que os permitan estar mellor preparados para os retos da sociedade da información e ante ameazas como a crise do covid-19 .

Cómpre lembrar que, inicialmente, estes segundos cursos estaban dirixidos especificamente a persoas autónomas, afectadas por ERTES ou desempregadas por mor do estado de alarma. Agora ben, ao quedar prazas vacantes os reponsables municipais decidiron ampliar esta oferta a toda a cidadanía.

Hai un total de once áreas de coñecemento que son: comercio e marketing, edificación e obra civil, administración e xestión, hostalería e turismo, seguridade e medio ambiente, informática e comunicacións, prevención de riscos laborais, sanidade, idiomas, servizos socioculturais e á comunidade, e, por último, artes gráficas.

Desde o Concello lembran que as persoas interesadas poderán anotarse de balde a través da web www.ribeira2.academy a partir da medianoite do luns 13 de xullo.

O prazo de inscrición conclúe o vindeiro 31 de xullo. Suliñar que as persoas que finalicen a formación con resultado positivo recibirán un diploma acreditativo, segundo consta na oferta.

09 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito