Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rocío Leira mistura intriga e matemáticas na súa novela xuvenil ‘Trescatorcedezaseis’

A obra foi finalista na última edición dos Premios Julio Verne de Literatura Xuvenil e está editada por Xerais

Cee. A escritora e matemática ceense Rocío Leira vén de publicar unha nova novela xuvenil na que mistura a intriga e as matemáticas e que leva por título Trescatorcedezaseis.

A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela é o principal escenario no que discorre a obra, que mantén a intriga ata o final.

“Xogamos?”. Así é como comeza unha serie de correos electrónicos que recibe o profesor Benavides ao mesmo tempo que aparece no Campus Sur o cadáver dun alumno. Este é o primeiro dunha serie de brutais asasinatos acompañados de símbolos e pegadas cos que o autor dos mesmos trata de comunicarse co profesor.

A resolución dos crimes convértese nunha obsesión para Benavides, que se axuda de Silvia, unha estudante da facultade, para dar co culpable. Asasinatos, enigmas matemáticos, egoísmo, narcisismo, vinganza.... son algúns dos temas que se tratan nesta obra que forma parte da colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais, e que foi finalista na última edición dos Premios Julio Verne de Literatura Xuvenil. Son 144 páxinas divididas en 28 capítulos fáciles de ler en moi pouco tempo, grazas a unha sinxela e coidade linguaxe.

GALARDÓNS. Rocío Leira Castro é licenciada en Matemáticas pola USC e, dende hai unos anos, compaxina a súa afección por escribir co seu centro de formación para universitarios en Santiago. Comezou a escribir dende moi pequena e a participar en diferentes certames de relato curto e de poesía nos que recibiu máis de 200 premios.

Entre os galardóns obtidos destacan o Díaz Jácome de poesía para novos creadores, o Valle Inclán de narrativa, o premio de novela curta do Concello de Negreria, o Rosalía de Castro de Cornellá ou o Anduriña Voandeira de Euskadi. E hai só uns meses gañou o XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que convoca o Concello de Lugo, coa obra Afogada.

No 2013 publicou Universo Pitágoras, o seu primeiro libro, dirixido ao público infantil. Despois viñeron O becho que quería comer a avoa e os poemarios Obituario e Inem. O ano pasado viu a luz a súa primeira novela para adultos: Veleno en familia, coa que foi finalista no I Premio de Novela Vilar Ponte, de Viveiro. J. M.

11 jul 2020 / 20:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito