Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rois homenaxea a Joaquín Núñez, director do colexio de Urdilde durante catro decenios

Rois. A veciñanza de Rois homenaxeará o próximo sábado, día 28, a Joaquín Núñez Castro, que foi director do colexio de Urdilde durante catro decenios e que faleceu o pasado 14 de xullo. O Concello organiza na súa memoria unha misa-homenaxe ás 11.00 da mañá no polideportivo da localidade, á que asistirán familiares, amizades e as autoridades municipais. Joaquín Núñez foi unha figura fundamental para a historia contemporánea de Urdilde, onde residiu e tivo dous fillos coa súa muller, Cándida Sabarís, tamén mestra na citada localidade.

Núñez comezou dando clases na escola unitaria local, para despois dirixir o colexio desde a súa construción, en 1977. “Na memoria da veciñanza queda a súa enerxía á hora de organizar actividades que implicaron a toda a comunidade educativa, desde viaxes culturais a festivais e iniciativas para o proveito da mocidade”, lembran dende o goberno local. Joaquín, como era coñecido, tamén é recordado polo seu apoio ás familias na realización dos trámites para a obtención de prazas nos institutos ou de bolsas de estudo.

A misa-homenaxe celebrarase no

polideportivo de Urdilde, cun aforo limitado a 250 persoas polas condicionantes da pandemia do covid-19. Para asistir é preciso anotarse chamando en horario de mañá ao teléfono 981 816 061 ata o próximo venres. O acto contará co acompañamento musical dun trío musical e dun organista, e nel intervirán o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, María Teresa Martínez, que foi alumna tamén de Núñez Castro.

Oficiará a misa o cura párroco de Urdilde, Juan Montero Fernández. Está prevista a asistencia da viúva, dos fillos e doutros familiares do finado, ademais de numerosos representantes da sociedade civil roisense, “coa intención de recordar a figura de quen foi fundamental na educación de tantos veciños e veciñas ao longo de case medio século”, apuntan dende o Concello. A. P.

26 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito