Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

a obra de Martín Fernández gañador do Manuel Murguía

Trata sobre unha das primeiras institucións documentadas en Galicia mencionada en lápidas de época romana moi temperá

O libro titulado Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa, de Martín Fernández Calo (Porto do Son, 1990), que resultou gañador da XII edición do Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación Provincial da Coruña, acaba de saír á luz.

A obra céntrase nunha das primeiras institucións documentadas en Galicia, o principatus, mencionada en lápidas de época romana moi temperá. Conta o autor que se trata, tendo en conta os resultados acadados na investigación, dunha xefatura rural que tiñan as tribos galaicas antes da conquista romana.

“As súas orixes poden recuarse canda menos ata a Idade do Bronce, cando ocorre o influxo indoeuropeo que estaría detrás do fondo cultural profundo desta institución. Despois da conquista romana sobrevive durante varios séculos, como demostran as lápidas, ata desaparecer durante a municipalización, con posibles reaparicións posteriores”, explicou ao respecto Martín Fenández.

A razón que o levou a profundizar nesta temática é que “sempre tiven moita inclinación polas civilizacións antigas e os sistemas políticos”, indica. “Trátase dun feito subxectivo que non creo que teña razóns específicas”, engade o autor sonense.

Asemade, os seus estudos convencérono “das grandes posibilidades que estes temas teñen na historia antiga da nosa propia terra, que está por facer” e é o tema no que decidiu centrar hai anos o seu proxecto de doutoramento.

“De todas as institucións galaicas que hai documentadas nese período, o principatus pareceume moi atractiva e prometedora para unha monografía”, afirmou.

En canto ao tempo de traballo que adicou á obra foi, esencialmente, o verán de 2017. “Por suposto, fíxeno en base a apuntamentos anteriores e a unha idea moi clara que fora madurando durante anos. E, unha vez redactado, seguino relendo, corrixindo e ampliando ocasionalmente ata mandalo ao premio e mesmo despois, antes de enviar a imprimir a última versión”, asegurou o experto.

Traballou sobre materiais (sobre todo epigráficos e arqueolóxicos, tamén diplomas medievais) que xa estaban publicados. Fernández Calo salienta que cada etapa da Historia ten as súas dinámicas de investigación “e a imaxe do historiador escañando en arquivos (ou do arqueólogo escañando literalmente na terra) non é aplicable na Idade Antiga”. “Aquí non temos arquivos, senón que nos servimos de materiais compilados por filólogos, arqueólogos e epigrafistas”, dixo.

Se noutros sectores da Historia hai que buscar xeitos de estudar extensivamente documentación masiva, “na Antigüidade o que se busca é perfeccionar e intensificar as formas de estudar o que xa se ten”, engade.

Polo que respecta á elaboración, sinala que o que fixo en Callaici principes foi analizar intensivamente as lápidas principescas galaicas, “para delimitar o que pode e o que non pode ser o principatus que documentan” e que, a continuación, contextualizou “a nosa institución con outros semellantes que se documentan en todo o imperio romano; e tendo en conta que se trata de xefaturas tribais, pescudei tamén a historia global destas”. Logo pasou a estudar o rexistro arqueolóxico galaico dende a perspectiva de discernir a plasmación rexional deste proceso global, “pescudando os indicios do exercicio destas xefaturas tribais e tamén da súa retracción fronte a outras formas políticas”, puntualizou o investigador.

Deste xeito, indagou novas formas de interrogar o rexistro histórico e prehistórico para poñer sobre a mesa feitos descoñecidos que foron importantes na nosa Historia.

Sobre o seu proxecto de doutoramento, titulado Xenealoxía do poder local galaico, destaca que pretende dar unha resposta exhaustiva e coherente á orixe e evolución das comunidades locais galaicas ao longo das épocas romana e xermánica (sueva e visigoda). “Trátase de catalogalas a través de moitos rexistros (lápidas, moedas, literatura da época...) e de discernir que institucións e que formas constitucionais tiveron e como evolucionaron”, indica.

Aínda que o investigador recoñece que o traballo non foi doado, agora xa está pendente de que a Universidade llo admita a trámite para proceder á súa defensa.

06 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito