Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A rapazada da asociación gozou dunha saída ao monte // Visitaron o dolmen da Pedra Moura e o muíño do Regueiro en Aldemunde // O son do río Anllóns guiou a vinte e cinco nenos e maiores na estrea dunha nova Primavera en Ruta

Senda Nova reactivou a Escola Ambiental na Ribeira da Pena

A asociación ambiental Senda Nova puxo rumbo á nova normalidade volvendo aos camiños e recuperando o contacto con medio natural. Na fin de semana reactivou a Escola Ambiental e inaugurou a décimo primeira Primavera en Ruta, que chega xa co verán debido á demora provocada polo covid-19.

A rapazada volveu a participar con normalidade nas clases medioambientais, que nesta ocasión tiveron como aula o Bosque da Ribeira da Pena. Alí gozaron dunha xornada completa rodeados de bosque autóctono, e visitaron o dolmen da Pedra Moura e un dos poucos muíños que aínda funcionan: o do Regueiro de Aldemunde.

Ademais, os nenos e nenas, acompañados polos monitores de Senda Nova, achegáronse a unha pequena explotación gandeira e a unha minicentral hidroeléctrica en desuso. “Unha formidable experiencia para coñecer o patrimonio máis achegado”, asegura José Manuel Menéndez, presidente do colectivo ambiental.

O domingo volveron tamén ás corredoiras vinte e cinco nenos e adultos da man da XI Primavera en Ruta, un programa de andainas para o coñecemento do territorio e do patrimonio da Costa da Morte. O primeiro roteiro foi guiado polo son do río Anllóns, á beira do cal camiñaron os participantes acompañados polo “orballo de San Xoán”.

Foi, segundo sinala Menéndez Varela, “un percorrido con moita máis herba do normal nas marxes a causa do pouco tránsito de troiteiros por mor do confinamento”. Iso non foi impedimento para que descubrisen “un tesouro en cada retorta”.

Así, no Anllóns menos coñecido, “cobran importancia os verdadeiros camiños, fóra da zahorra, das pasarelas de madeira ou de calquera outra artificialización destes espazos Rede Natura 2000. A figura non é de balde”, afirman dende a asociación.

A variedade de árbores autóctonas, o patrimonio etnográfico dos muíños, os ecosistemas fluviais e as zonas de inundamento do Anllóns configuran un escenario “magnífico e dunha riqueza ecolóxica envexable que temos a obriga de protexer de actuacións artificiais que sufre o río noutras zonas do seu percorrido”, engaden.

Á parte fluvial do percorrido únese un patrimonio cultural salientable. Os participantes no roteiro achegáronse a Sísamo para coñecer o castro, a igrexa e o pazo, e tamén visitaron os exteriores da que foi a casa consistorial do municipio carballés na antiga división territorial de principios do século XIX.

Outro punto de paso foi o refuxio de Verdes, en Coristanco, un espazo “berce da paisaxe, da churrascada e do botellón que segue a pedir a berros un punto interpretativo, como núcleo dun Bergantiños agrícola e como lugar estratéxico a nivel etnográfico”, demandan dende o colectivo ambiental.

A andaina levounos tamén a Pontedona e a Santa Mariña de Corcoesto (Cabana de Bergantiños), onde remataron á porta da igrexa parroquial, logo de percorrer un último tramo ao abrigo de especies como o érbedo ou a sobreira, propias da vexetación mediterránea, “e que atopan acubillo en zonas abrigadas, rescatadas das garras da proxectada mina de ouro de Corcoesto polo orgullo da veciñanza”, sinalan.

CORISTANCO. Foi só un alto no camiño, pois o domingo, día 28, volverán ás corredoiras para coñecer máis de preto o Coristanco histórico. Un itinerario “cheo de contido para doctorarse no coñecemento das terras que se misturan coa meseta xalleira e tamén para medrar na aposta física desta edición de roteiros”, apuntan dende Senda Nova. Dende o Concello xa están a facer promoción desta nova ruta a través da Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Enrique Tasende.

25 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito